Fosas: Plan Cuadrienal (2021-2024)
O Plan Cuadrienal (2021-2024) traballa para buscar, identificar e exhumar a persoas desaparecidas durante o golpe de Estado e a retagarda da Guerra Civil en Galicia
Intervenciones
-
Fosa en cemiterio Fosa do cemiterio de Rubiáns - Vilagarcía de Arousa
A fosa común do cemiterio de Rubiáns acolleu os cadáveres de 12 vítimas da violencia tras o golpe de Estado (a memoria oral indicaba a existencia de 17 vítimas), asasinados entre novembro de 1936 e novembro de 1937. 10 homes e 2 mulleres, veciños de Vilagarcía de Arousa, Vilanova, Barros e Illa de Arousa, algúns deles militantes da CNT e a UXT. -
Fosa en cemiterio Fosa do cemiterio de S. Pedro de Filgueira - Crecente
Tras unha intervención feita en 2011 no cemiterio, que non ofreceu resultados positivos na busca dos restos de César Alberte Domínguez, asasinado en Castrelo de Miño en 1936, novas informacións permitiron localizar unha nova fosa no adro da igrexa. -
Fosa en cemiterio Fosa do cemiterio de Santa Eulalia de Vilacoba - Lousame
Intervención da fosa do antigo cemiterio de Vilacoba na que, segundo estudos previos, foron inhumadas varias vítimas da violencia golpista e da retagarda de 1936. Entre elas buscabamos a Manuel García Hermo (por petición da familia), pero tamén obtivemos indicios de que Perfecto e Antonio Vilas Romero, xunto con María Josefa Becerra Laíño (coñecida como "Mari Pepa") e Avelino Méndez Suárez (coñecido como "El Asturiano") puideran estar enterrados alí. Todos eles foron paseados en diferentes momentos entre 1936 e 1939 e unicamente topamos restos de un individuo que, por idade e circunstancias da morte, puidese ser identificado como Manuel García (pendentes dos resultados da análise forense e xenética). -
Fosa en cemiterio Fosa do cemiterio da Capela - A Capela
Os estudos previos, a pesar de constatar a existencia da fosa, non lograron concluír a súa localización exacta. Así, abordáronse diferentes estratexias de intervención arqueolóxica, por un lado, o mapeo de toda a superficie do antigo cemiterio (civil e eclesiástico) con xeo-radar e, por outro, dúas sondaxes en diferentes áreas, ambas con resultados negativos. -
Fosa en cemiterio Fosa do cemiterio de San Breixo - Celanova
Excavación da fosa e inhumación dos restos compatibles coa identificación das sete persoas que buscamos (pendentes dos resultados da análise forense e xenética). Trátase dun grupo con certas características comúns, todos eles eran veciños de Gijón, condenados a pena de morte tras ser capturados no mar, xulgados en Camposantos e trasladados á prisión de Celanova -
Fosa en cemiterio Fosa do cemiterio de Sta. Mª A Maior do Val - Narón
As últimas investigacións identifican, como mínimo, 51 persoas que foron inhumadas en diferentes fosas no cemiterio do Val, entre 1936 e 1938 (a gran maioría mariñeiros, suboficiais e oficiais de distintas embarcacións como o vapor Domine ou o Acorazado España). Catro delas foron "paseadas" nas proximidades, as restantes foron executadas, tras recibir a sentenza a pena de morte ditada polos tribunais de xustiza militar. Trátase dunha das fosas mais grandes de Galicia, vinculada co Golpe en Ferrol e na súa contorna, como capital do departamento marítimo do Norte, un punto estratéxico para os golpistas. -
Fosa en campo aberto -
Fosa en cemiterio Fosa de San Pedro do Castro - Viana do Bolo
A petición do seu fillo menor, iniciamos a busca dos restos de Anuncia Casado Atanes, torturada e asasinada polos golpistas en agosto de 1936, na curva das Revendeitas. Posteriormente sería inhumada no cemiterio mais próximo, no Castro, na parroquia de Pexeiros. Un elenco de diversas fontes orientaron a localización da fosa, espazo memorializado con anterioridade gracias ás accións da Asociación dos Torgueiros e da veciñanza do lugar. -
Fosa en cemiterio Fosa do cemiterio de S. Salvador de Trasanquelos - Oza/Cesuras
As fontes históricas apuntan que no cemiterio de Trasanquelos foron enterradas dúas vítimas da violencia golpista de 1936, Rafael Fernández (mestre) e Juan Torreiro (constructor). Ambos foron asasinados na volta do Murallón, na antiga estrada Betanzos-Curtis e posteriormente, foron trasladados ao cemiterio mais próximo. As intervencións levadas a cabo polo PMD actuaron en dous sectores dos que se recuperaron restos óseos en posición secundaria que puideran ser compatibles coas persoas que buscamos. Actualmente estanse levando a cabo as análises e os estudos pertinentes.