Ir ao contido principal

Nomes e Voces

O Proxecto de Investigación "Nomes e Voces" naceu ao abeiro dos traballos que  se realizaron ao redor do Ano da Memoria 2006, promovido pola Consellaría de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia. Ao proxecto encomendóuselle a tarefa de estudar a violencia golpista durante a Guerra e posguerra, así como ofrecer á sociedade os datos relativos ás persoas que sufriron algún tipo de persecución neste período. Esta tarefa abordouse desde a perspectiva da investigación histórica, como parte dun crecente interese da sociedade polo estudo da violencia franquista e as consecuencias desta.

Presentación

O proxecto foi executado por un grupo de investigación formado polos máximos especialistas na “violencia do 36” en Galicia, coordenados polo catedrático de Historia Contemporánea, Lourenzo Fernández Prieto e que actuou, principalmente en tres liñas:

1. A constitución dun fondo de gravacións sobre a memoria oral da guerra

2. A elaboración dunha relación nominal das vítimas 

3. A determinación dunha cartografía da "represión"

O traballo a desenvolver virou ao redor da pescuda dos nomes, das voces e dos lugares do que entón se denominaba "represión", e que preferimos definir como persecucións ou matanzas. Nesta liña, e desde o rigor da disciplina histórica, pretendeuse cubrir os baleiros existentes sobre o período de estudo. En primeiro lugar, púxose ao servizo da sociedade os nomes das vítimas da guerra civil e da retagarda, a través dunha base de datos nominal que recolle diferentes datos (como idade, profesión, filiación ou tipo de suceso violento). Ao tempo, recolléronse as voces dos perseguidos que pasaron polo cárcere, o exilio ou estiveron agochados, así como as lembranzas dos seus familiares máis achegados. E por último, démoslle visibilidade aos lugares de asasinato e execución, como as "cunetas", os cemiterios, as corredoiras ou os montes.

Obxectivos

O Proxecto buscou responder desde a investigación histórica a unha demanda de recuperación das memorias aínda ocultas, con tres obxectivos:

  • Elaboración dunha relación de nomes das vítimas da violencia golpista en Galicia no período da Guerra (1936-1939) atendendo o estudo de fontes escritas da época, fontes orais e estudos locais existentes. Para sistematizar toda esta información, elaborouse unha base de datos onde se recolleron os nomes e a traxectoria vital dos afectados.
  • A realización dun plan de entrevistas para recoller a memoria da violencia en Galicia. Pola súa avanzada idade, o principal foco de atención foron os protagonistas superviventes da época, seguidos dos familiares directos. Para a súa sistematización tamén se crearon bases de datos específicas que estarán á disposición da sociedade.
  • No camiño de rescatar lugares da memoria oculta, buscouse achegar un coñecemento exhaustivo de todos os lugares nos que se sufriu a violencia de 1936 en Galicia. Isto concretouse no seu cartografado, que incluíu a distribución espacial, e nunha análise dos lugares que se converteron en escenarios máis relevantes da violencia.

 

Metodoloxía

O Proxecto de Investigación buscou establecer a centralidade desta parte do pasado recente na investigación histórica do momento, tanto en termos científicos sociais, historiográficos e mesmo comunicativos. En sucesivas reunións de traballo do equipo de investigación e os coordinadores e as coordinadoras provinciais, sistematizaron os criterios de pescuda; en xuntanzas periódicas de revisiónn fóronse avaliando os avances e atrancos no proceso de baleirado documental. Foi un contexto no que proliferaron numerosas investigacións e publicacións sobre o tema, en Galicia e no resto do territorio do Estado español e a comparación de resultados foi tamén parte importante do traballo da equipa.

O coñecemento e a pescuda non han servir só no empirismo e na acumulación positiva de datos e informacións –imprescindibles como parte primordial do Proxecto de Investigación– senón tamén na análise e tratamento dos mesmos. Isto significa, ademais, a contribución ao debate científico a través das vías convencionais e das que poidan deseñarse: encontros, seminarios, congresos, publicacións de resultados en diferentes formatos, etc. O produto das investigacións é un recurso público ao servizo de familiares e interesados e, por suposto, da Administración, e un instrumento para a historiografía.

O manexo dun abundante elenco documental, así como a súa  interpretación histórica, formaron parte dos presupostos de arranque do Proxecto. As fases iniciais dedicáronse á pescuda e recompilación dun gran número de fontes que, posteriormente, se procesaron para ofrecer un acceso directo á información por parte da cidadanía e dos investigadores e investigadoras. A posta en valor das fontes históricas e das bases de datos asociadas ao Proxecto respondeu á necesidade de extraer o máximo partido aos materiais e coñecementos acumulados aquí, para a súa divulgación social, educativa ou/e cultural. Todo este caudal serviu tamén para redefinir a nosa interpretación do pasado incómodo e sinalar vías novas de indagación.

Fonte: Arquivo Naval de Ferrol

Algunhas cifras

O proxecto de investigación realizou traballos con fonte oral, fontes documentais, recollida documental escrita e gráfica. E atendeu, na medida do posible, as demandas que, desde a sociedade galega, se formularon. Como resultado,

512 entrevistas incorporadas no fondo Terra e Memoria

12.600 fragmentos de son con resumos de contido, etiquetas de busca e valeirado dos nomes das vítimas citadas nelas.

2.799 causas militares baleiradas (máis de 400.000 páxinas).

3.470 entradas de defuncións, dos rexistros civís de Galicia e concellos limítrofes.

9.600 entradas bibliográficas.

22.340 items de imaxes recollidas fundamentalmente de patrimonios das familias das vítimas.

17.774 rexistros persoais de vítimas de persecucións e asasinatos, 15.000 deles validados e confirmados.

Nomes e Voces, hoxe

A pesar de ser un proxecto pechado na actualidade, a maioría dos seus resultados están vixentes e del saíron ferramentas clave para a investigación da violencia de 1936, da Guerra, da Posguerra, da Ditadura e, incluso da Resistencia. Determinados aspectos teñen hoxe continuidade en novos proxectos, e grazas a todo o traballo previo, un elevados número de investigacións e publicacións saíron á luz nos derradeiros anos. Hoxe en día, o equipo de Histagra esfórzase por establecer unha continuidade no contacto coa cidadanía e en seguir recompilando información. Con todo, existe unha necesidade real de recursos e medios que permitan satisfacer as demandas sociais relacionadas co coñecemento do noso pasado violento máis recente.