Ir ao contido principal

Fosa do cemiterio de San Breixo Fosa en cemiterio

Intervención no cemiterio de San Breixo, Celanova, na procura dos restos de Abelardo Suárez del Busto, Alfonso Moreno Gayol, Baldomero Vigil Escalera Vallejo, Belarmino Álvarez García, Guillermo de Diego Álvarez, Marcelino Fernández García e Mariano Blanco González. Todos eles foron asasinados, tras ser condenados a pena de morte, o 22 de setembro de 1939, contra as tapias do propio cemiterio, polas forzas da Bandeira de Fet de las Jons de Marruecos

Ver en el mapa
Localización da fosa no interior do cemiterio de Celanova

Investigación histórica

A fosa común de Celanova está localizada na parte vella do cemiterio de San Breixo (Estrada de Sampil, 2, 32800), de forma concreta, na parte central cara a esquerda, segundo entramos pola porta principal, fronte aos nichos da familia López Montero. Na actualidade, trátase dunha zona axardinada con forma triangular, na que se realizou unha sondaxe e posterior escavación e inhumación. O traballo previo do Comité de Memoria Histórica da comarca de Celanova, dera a coñecer o espazo a comezos do ano 2021 e dende entón, convérteuse nun lugar de memoria e recordo das vítimas do golpe de Estado e a guerra civil de 1936.

A investigación histórica levada a cabo polo grupo Histagra da Universidade de Santiago de Compostela, partiu da demanda de dúas familias que buscaban a Marcelino Fernández e Abelardo Suárez, ambos veciños de Gijón que fuxiron ante a inminente toma por parte dos sublevados cara finais de outubro de 1937. Seguimos o rastro nas fontes xurídico-militares e atopamos que foran xulgados en diferentes xuízos en Camposancos e, posteriormente, foron trasladados, xunto con outros cinco individuos (tamén veciños de Gijón e cun periplo vital moi semellante) á prisión de Celanova. Os sete foron condenados a pena de morte e, tras pasar máis de seis meses recluídos na vila ourensá, as autoridades militares ordenaron a execución. Posteriormente, a Bandeira de Fet de las Jons de Marruecos levouna a cabo o 22 de semtebro de 1939, pois foron asasinados contra as tapias do cemiterio e enterrados nunha fosa común.

Investigación arqueolóxica

O dato crucial da investigación histórica que permitiu localizar a fosa e, por tanto, a zona da sondaxe, foi a referencia nas dilixencias de enterramento das vítimas (recollidas nos sumarios militares que lles foron incoados) do lugar exacto de inhumación, por parte do enterrador.  A empresa "Tempos Arqueólogos" levou a cabo unha cata na suposta localización da fosa. Os traballos comezaron pola retirada do xardín, tratando de gardar as especies que fose posible restituír posteriormente. A continuación, retiráronse os niveis máis superiores de sedimento na totalidade da área escavada, o que permitiu identificar en planta unha serie de enterramentos de forma cuadrangular e unha gabia na parte central.

Comezáronse a escavar tres destes enterramentos, dous deles foron descartados e tapados de inmediato; mentres que o restante, como encaixaba dentro das características do grupo que buscabamos, foi exhumado. Posteriormente, escavouse a gabia e a escasa potencia identificáronse dous ataúdes, un fronte ao outro. Os individuos estaban depositados un sobre o outro, en posicións anómalas e encaixaban no rango de idade e nas circunstancias de morte. Foron exhumados e unha vez retirados todos os indiviuos identificados n gabia, e se escavou o depósito que cubría, escaváronse os depósitos que había por debaixo. Máis tarde, ampliouse a área escavada en planta e localizáronse dous individuos máis. O desenvolvemento dos traballos demandou ampliar a escavación na gabia cara o camiño do cemiterio, na que apareceron os individuos restantes. 

Todos os restos de individuos exhumados foron trasladados ás instalacións do IMELGA co obxecto de ser estudados polo antropólogo forense con maior detalle.

Ao remate dos traballos arqueolóxicos, tapouse a gabia e a totalidade da sondaxe aberta, tratando de recompoñer a zona de intervención o máis parecido posible ao estado orixinal.

Análise forense

O estudo realizado pola Unidade de Antropoloxía Forense do Instituto de Medicina Legal de Galicia confirma que no lugar do cemiterio de San Breixo de Celanova onde a información histórica sinalaba que podían estar enterrados os sete cidadáns asturianos asasinados o 22 de setembro de 1939, están os restos de dous destes: Marcelino Fernández García e Abelardo Suárez do Busto. A identificación destas dúas persoas confirma, por tanto, a realidade dos datos históricos obtidos. Os restos de Marcelino Fernández García correspóndense co Individuo 3 exhumado e os restos de Abelardo Suárez do Busto correspóndense co individuo 9. Os restos de Marcelino Fernández García presentan sinais de violencia no cranio e pescozo con, al menos, dous disparos de arma de fogo. 

A morte de Marcelino Fernández García é unha morte violenta de tipo homicida. Os restos de Abelardo Suárez do Busto presentan sinais de violencia no cranio e no resto do corpo cun patrón de morte xudicial, é dicir con lesións por fusilamento e tiro de graza na cabeza. A morte de Abelardo Suarez do Busto é unha morte violenta de tipo homicida. O lugar da exhumación no cemiterio de San Breixo de Celanova debe considerarse para todos os efectos un Lugar de Memoria de conformidade co establecido na vixente Lei de Memoria Democrática (artigos 49 a 53).

Análise xenética

Recolléronse mostras de ADN de familiares das vítimas da fosa e foron analizados polo Laboratorio de Xenética Forense da USC. Posteriormente, comparáronse coas mostras do ADN dos restos atopados para poder comprobar a identidade de cada un deles. Esta fase de traballo é das que máis tempo necesita, pois segundo a calidade e o estado de conservación dos restos, as análises xenéticas vólvense máis complexas. Na actualidade, foron rematadas ditas análises en relación a dous restos óseos, obtendo unha compatibilidade de que pertenzan aos desaparecidos, Marcelino Fernández García e Abelardo Suárez del Busto.

Ficha técnica

Localización

Localidade
Celanova
Concello
Celanova
Provincia
Ourense
Outras referencias
A fosa atópase localizada nun espazo de xardín sen cimentar dentro do cemiterio

Características

Outras denominacións
Fosa de Celanova
Nº persoas enterradas
7
Baldomero Vigil Vallejo
Marcelino Fernández García
Guillermo de Diego Álvarez
Alfonso Moreno Gayol
Aberlardo Suárez del Busto
Belarmino Álvarez García
Mariano Blanco González
Tipoloxía do asasinato
Execución
Cronoloxía
1939
Outras referencias
Os asasinados procedían de Asturias e foron asasinados tras sentenza en consello de guerra

Estado

Intervención
Si
Data da intervención
2022
Entidade promotora
Secretaría de Estado de Memoria Democrática; Xunta de Galicia e Universidade de Santiago de Compostela
Propiedade do terreo
Eclesiástica
Memorialización e sinalización
Sinalizada polo Comité de Memoria Histórica da comarca de Celanova cos nomes dos asasinados, así como con fotografías de dous deles

Fuentes

Archivo

Bibliografía

  • Alonso Montero, Xesús, Prisión Central, Celanova, 1936-1940, Oleiros, Vía Lactea, 2003.
  • Cabezas, Juan Antonio, Asturias: catorce meses de guerra civil. Memorias de la guerra civil española, 1936-39, Madrid, Ed. G. del Toro, 1975.
  • Calleja González, María L. et al., Puerto de Gijón en la guerra civil, Gijón, Lunwerg, 2004.
  • Laruelo Roa, Marcelino, La libertad es un bien muy preciado. Consejos de guerra celebrados en Gijón y Camposancos por el ejército nacionalista al ocupar Asturias en 1937. Testimonios y condenas, Gijón, En la Estela de Alderabán, 1999
  • De Juana, Jesús, Prada, Julio e Rodríguez, Domingo, “Os alicerces do sistema penitenciario franquista en Ourense (1936-1939)”, en María Lopez Díaz (ed.), Estudios en homenaje al profesor José M. Pérez Gercía, Vigo: Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, 2009, vol. 1, pp. 171-186.
  • Iglesias Amorín, Alfonso, “Falange en el Protectorado durante la Guerra Civil y la Bandera de Marruecos de Fet de las Jons”, en Miguel Madueño Álvarez, Luis Velasco Martínez e José Manuel Azcona Pastor (ed.), Camisas azules en Hispanoamérica (1936-1978). Organización política y prosopografía del falangismo de ultramar, Madrid: Dykinson, 2021, 71-100.
  • Rodríguez, Elixio, Matádeo mañá. Memorias dun aviador galleguista republicano entre a guerra e o exilio, Vigo, Xerais, 1994.
  • Rodríguez Teijeiro, Domingo, "Longa noite de pedra" no Mosteiro de San Salvador. Represión e reclusión en Celanova (1936-1943), Oleiros, Vía Láctea, 1999
  • Rodríguez Teijeiro, Domingo, “La prisión del Monasterio de Celanova, 1936-1943: un análisis de la población reclusa”, Minius, nº 4 (1995), 103-115.
  • Rodríguez Teijeiro, Domingo, Presos e prisións na Galicia de guerra e posguerra, 1936-1945, Vigo, Galaxia, 2010.
  • Vieira Outumuro, Sabela, “Os arquivos das istitucións penitenciarias (IV): a prisión central de Celanova”, Fronda: voandeira do Arquivo Histórico de Ourense, nº 47 (2013).