Materiais
-
"Muller e represión no Noroeste Peninsular. Galicia e El Bierzo (1936-1945)"
Este é o primeiro traballo que desenvolveu a Asociación para a Investigación Histórica do século XX, no que se pretendeu abarcar unha temática pouco traballada ata ese momento. Coa oportunidade brindada polo Ministerio da Presidencia, o Proxecto a desenvolver baixo o título “Mujer y represión en el Noroeste Peninsular. Galicia y El Bierzo (1936-1945)”, consistiu na creación dunha base de datos na que rexistrar a todas aquelas mulleres que foron procesadas por cuestións políticas entre o ano 1936 e 1945, ano no que remata a Segunda Guerra Mundial.
-
"Deconstruír o franquismo"
Trátase dunha exposición itinerante que acolleu a cidade de Santiago de Compostela entre o 23 de xaneiro e o 6 de febreiro de 2020. Foi entendida como un espazo de reflexión e simboloxía da ditadura que se presentou en cinco etapas, desde a PERSISTENCIA do franquismo ás AUSENCIAS de memoria. O traxecto descóbrenos as VELADURAS do franquismo retirado pero recuperable, as AMNESIAS que debuxan unha auténtica cartografía do terror e as EXPROPIACIÓNS de significado de lugares e símbolos.
-
"Historia e memoria do golpe de Estado de 1936 en Santiago de Compostela. 80 anos"
A investigación sobre o golpe de Estado na cidade compostelá materializouse nunha exposición que pretendeu amosar por medio dun novo relato do Golpe e da guerra civil, como Santiago de Compostela pasou a ser nos anos trinta “unha cidade na que as rúas se comparten” a un espazo de violencia e persecución. Trátase dun intento de dar a coñecer á cidadanía e de divulgar a actividade académica ao redor dunhas investigacións e debates que desmontan moitos tópicos sobre a República o Golpe de Estado e a ditadura franquista.
-
"A represión franquista na comarca da Coruña. Vidas na memoria"
O traballo que presentamos é froito da colaboración do Proxecto Interuniversitario Nomes e Voces coa Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Procuramos dar unha idea dos contidos e de presentar o “como se fixo” que hai detrás da letra finalmente impresa. Dese xeito, pódese avaliar o traballo feito, tamén, que hai un público interesado na metodoloxía empregada que non tiña cabida no propio volumen publicado e, finalmente, presentamos unha experiencia de colaboración entre a sociedade civil e o ámbito académico, unha vía que continuou o Proxecto nun futuro.
-
"Vixiados. Represión, investigación e vixilancia na Galiza da Guerra Civil (1936-1939)"
Aquí abordouse o estudo dos procesos de investigación, vixilancia e control social en Galicia durante os anos da Guerra. Tamén se investigaron as consecuencias que este feito tivo para a poboación nese momento histórico e as influencias que, posteriormente, se aprecian na cidadanía no momento en que a intensidade desta vixilancia foi menor. Os datos achegados polo proxecto "Nomes e Voces", xunto coas investigacións e a documentación achegada polos autores, ilustran unha realidade que fora pouco estudada ata o momento.
-
"Vermellas. Chamábanlle rojas"
O extraordinario esforzo persoal realizado polas mulleres máis conscientes durante a II República, moitas delas afiliadas a asociacións progresistas, partidos de esquerda ou sindicatos de clase, foi paralelo aos avances sociais que potenciaron a súa presenza na vida pública e a afirmación do dereito ao traballo fóra do fogar, así como a ampliación da súa liberdade e dos seus dereitos de cidadanía.
-
A violencia contra as mulleres: Golpe, Guerra e Ditadura en Galicia
Este tema abordouse nunha publicación que levou por título "Franquismo e represión de xénero en Galicia" na que participaron investigadoras como María Concepción Álvarez, Xoel Díaz Alonso, Beatriz Nieto Outumuno, Julio Prada Rodríguez e Alejandro Rodríguez Gutiérrez que saiu á luz no ano 2013 da man de Catarata e na que tamén colaborou o propio proxecto Nomes e Voces
-
Lugares de memoria do Golpe de 1936, da Ditadura franquista e da Resistencia (Galicia, 1936-1952)
O tema tratado foi obxecto dun proxecto de investigación financiado pola Secretaría de Estado de Memoria Democrática-Ministerio de Presidencia, Relaciones con las Cortes y Memoria Democrática-Gobierno de España-2022 que levou por título "Definición, cartografía e proposta de intervención sobre os lugares de memoria do Golpe de 1936, a Ditadura franquista e a Resistencia (Galicia, 1936-1952)".
-
Da aldea e da cidade. Memoria colectiva de Sar, Santa Marta, San Lázaro e A Peregrina
Proxecto que xorde no ano 2023 por parte de HISTAGRA-CISPAC que abordou a análise da evolución do conxunto de núcleos poboacionais e aldeas que foron fundamental para a urbe compostelá ao longo da Historia. A investigación estivo dirixida por Lourenzo Fernández Prieto, a parte técnica por Gustavo Hervella e a realización e a investigación foi levada a cabo por Alba Iglesias Amil, Laura Rodríguez Rodríguez, Natalia da Silva Martínez e Lucía Santiago Sanmiguel.