Ir ao contido principal

"Vixiados. Represión, investigación e vixilancia na Galiza da Guerra Civil (1936-1939)"

Memoria explicativa do proxecto

A captura e recollida de información tivo un papel determinante na construción do ‘Nuevo Estado’, e por en consecuencia, do mesmo réxime franquista. Toda a sociedade tiña que estar baixo sospeita. E aquí non se fai distinción, aínda que é certo que na aplicación das penas ou castigos non ten punto de comparación. Mais o obxectivo dos sublevados era dar a sensación de que o Estado era unha especie de ‘gran hermano’ vixiante. Non se admitía o debate, nin a discrepancia, nin a controversia. Todo era oficial. Só había unha única opinión, amplificada logo nunha cadea social de trasmisión xerarquizada…

A autoconciencia de formar parte deste engrenaxe social, auspiciada e fomentada dende as altas instancias, foi fundamental para entender un xeito de funcionamento tan prolongado no tempo da ditadura. Cadaquén tiña o seu papel nesta nova sociedade. Mais o modelo non podía ser cuestionado, porque non había outro, non había alternativa…

Este traballo vai cara ás novas xeracións educadas na cultura democrática actual aos que cando se lles fala do franquismo lles queda moi, moi lonxe. 

"Limiar" de Emilio Grandío Seoane, en Vixiados. Represión, investigación e vixiancia na Galicia da Guerra Civil (1936-1939), Laiovento, 2011.

Unha sociedade baixo sospeita

En Galicia, ao igual que noutras zonas de España onde triunfa o Golpe, toda a sociedade é sospeitosa. O novo Estado totalitario que se estaba a crear tivo o seu mellor campo de probas para o remate da guerra nas zonas controladas dende os primeiros días. As retagardas, así, convértéronse en lugares clave. A sociedade galega, entre outras, converteuse no laboratorio onde probar o  desenvolvemento dunha nova realidade institucional que se creaba practicamente da nada e dende experiencias nunca vistas. Dende ese intre, o conxunto da sociedade colocouse baixo sospeita: ábrense os procesos de investigación, delación e depuración.

A nova orde

O franquismo concebiu a coerción física e moral como parte estrutural do seu proxecto posto que non aspiraba á integración dos vencidos nun proxecto comunitario ou integrador. O novo Estado impúxose á poboación mediante un sistema, unha estratexia de intimidación baseado na xénese dun clima de violencia e contención estendido ao conxunto da sociedade e prolongado baixo formas diversas…

A implicación activa da gran parte da sociedade civil, a que se sentía vencedora, no perverso plan de amedrentamento, terror e marxinación social da ditadura franquista colocou os vencidos nunha situación de permanente sometemento moral, chantaxe emocional, desprezo e humillación.

Rodríguez González, J.: "A implantación da dictadura franquista. A represión e os procesos de control social"en Grandío Seoane, E.: Vixiados. Represión, investigación e vixiancia na Galicia da Guerra Civil (1936-1939), Laiovento, 2011.

Construción do novo réxime: os apoios

En Galicia, tras o triunfo dos sublevados en agosto de 1936, comezouse a construír o novo réxime político rompendo co pasado liberal e democrático, sobre todo coa democracia republicana. O obxectivo inicial común dos sublevados era rematar co goberno da FP, coa súa orientación progresista. Máis aquel Golpe non tiña unha determinada cor política máis alá do seu grao de reacción ao cambio social e político. A diferenza co golpe de Sanjurjo, de só catro anos antes, fora, sen dúbida, a non implicación exclusiva da restauración monárquica. Todo podía ser construído, dende a óptica da reacción, no ‘Nuevo Estado’. A dirección militar inicial foi determinante neste proceso de construción. Esta tarefa levouse a cabo mediante unha estratexia intimidatoria, baseada nun clima de violencia extrema e o sostén de redes sociais de apoios coincidentes, xeralmente, cos sectores máis conservadores das sociedades locais. Nesta tarefa, as accións e a presenza da igrexa católica e do partido único FET y de las JONS, aínda que non exclusivamente, serán clave. Disciplina e violencia, control e submisión, son elementos esenciais á hora de entender á nova España. O que comeza en Galicia e en todos os territorios gañados polos grupos militares sublevados, converterase nunha realidade aplicable ao conxunto do territorio español tras o 1 de abril de 1939.

O control social: piar da ditadura

O control da retagarda desde agosto 1936 constituíu unha obsesión para as autoridades sublevadas, por motivos obvios. Todo se atopaba enfocado a un único obxectivo, necesario e imprescindible: gañar a guerra. As sucesivas remodelacións do sistema de vixilancia, o cambio de mandos e incluso as relacións do sistema de vixilancia e investigación co organigrama da seguridade interior dos nazis, a partir de 1938, son boa proba disto. Galicia foi campo de experimentación de todo este proceso xa que xuntaba ao seu pronto control, zonas destacadas de elementos contrarios ao Golpe, os primeiros "fuxidos" e fugas por mar. Ademais, a existencia no seu territorio de cuarteis militares de referencia –coas sedes na Coruña, da VIII División Militar de Terra, e en Ferrol, do Departamento Marítimo do Cantábrico- cun número notable de soldados de reemprazo obrigaba a unha vixilancia especial nestas zonas, ante o perigo dunha posible apertura dunha fronte ás costas do rumbo dos sublevados. Neste obxectivo de vixilancia, a unión dos militares cos vellos conservadores, falanxistas, e a Garda Civil creou unha tupida rede de información na que todo o mundo era sospeitoso, sen excepción. Toda sociedade se atopaba suxeita a vixilancia. Neste contexto, a rutina das delacións e o apoio de boa parte da sociedade civil a estas medidas e actitudes foi fundamental. A sensación de normalidade era, tan só, aparente. Unha situación "anormal" que se converte de xeito forzado en cotián.

Afectos, desafectos e indiferentes

A vixilancia exerceuse directamente sobre os individuos e sobre a sociedade, independentemente da adscrición ideolóxica, posición social ou económica. A vixilancia, xunto aos procesos constantes de depuración, foron dous elementos que caracterizarán a nova sociedade desde os primeiros días do golpe. E isto padecérano por igual “esquerdistas” como “xente de orde”, empregados públicos -normalmente mestres e médicos- como traballadores do sector privado – Banco Pastor, CAMPSA, Compañía Arrendataria de Fósforos, Tabacos ou Fábrica de Armas, tan só na cidade de Coruña-. Os cidadáns perden os seus dereitos e serán clasificados en afectos, desafectos e indiferentes. Estes últimos tamén contribuían á continuidade do sistema.

 

 

Esta Alcaldía ante el temor de que pudiese tratarse de una persona peligrosa para el Régimen, que por convenirle se hacía la loca, vino vigilándola muy de cerca, creyendo firmemente que se trata de una perturbada que bien pudo adquirir tal enfermedad en los primeros días de la guerra; suponiendo que procede de Asturias. […] lo pongo en conocimiento de V. E. por si se digna disponer sea trasladada a un Establecimiento benéfico, siendo conveniente se lleve en un vehículo a propósito cuanto antes, por si pudiera tratarse de una espía. 

ARG, Goberno Civil, "Expedientes de Ayuntamiento", G-2864

‘As paredes oen’: o privado faise público

A instrumentalización do control social

O control social foi un elemento fundamental da eliminación física do “inimigo” e da eliminación dos compartimentos considerados “subversivos” polo novo poder.

Os motivos políticos convértense nunha das acusacións máis temidas para os cidadáns. Esta expresión no expediente podía supoñer penas de primeira orde, amais tendo en conta que baixo este “paraugas” estaba o simple feito de non ir a misa, pasado sindicalista ou pro-republicano. Así, por unha parte procedíase a dar exemplo coa imposición do medo, por outra a encher ao erario público duns fondos dos que andaba escaso e, coas dúas anteriores, a controlar á sociedade.

Da noite á mañá, a expresión pública converteuse nun delito. A consideración da actividade política foi traducida como unha actividade funcionarial, na que non existían as discrepancias nin os debates. A verdade era unha soa; a idea que animaba o Estado tamén. E os seus representantes.

Os que non se atopaban aí estaban fora. Non existían. Mesmo desaparecían. Todo en beneficio da construción da homoxeneidade do pensamento, da ausencia do diálogo, da creación e continuidade dunha Ditadura.

Os motivos da investigación da Delegación de Orden Público

Categorías de investigación da DOP %
Informes 38%
Motivos políticos 21%
Sancións 17%
Delitos comúns 6%
Bo/mal concepto 5%
Motivos morais 3%
Vida privada 3%
Localización 3%
Fuxidos 2%
Motivos laborais 1%
Masonaría 1%
Falecidos 0%

Fonte: Regueiro, R.: "Fichados. Un estudio de caso: o Índice alfabético/onomástico de investigados/informados por la Delegación de Orden Público (A Coruña, 1938), en Grandío Seoane, E.: Vixiados. Represión, investigación e vixiancia na Galicia da Guerra Civil (1936-1939), Laiovento, 2011.

Tipos de sancións da Delegación de Orden Público

Tipos de sancións %
Presentación a autoridades 26%
Prestación persoal 23%
Económicas 18%
Vixiancia 17%
Chamadas de atención 7%
Detencións 4%
Incautación de bens 3%
Despido/destitución 2%

Fonte: Regueiro, R.: "Fichados. Un estudio de caso: o Índice alfabético/onomástico de investigados/informados por la Delegación de Orden Público (A Coruña, 1938), en Grandío Seoane, E.: Vixiados. Represión, investigación e vixiancia na Galicia da Guerra Civil (1936-1939), Laiovento, 2011.