Ir ao contido principal

"Muller e represión no Noroeste Peninsular. Galicia e El Bierzo (1936-1945)"

Presentación

A Asociación para a Investigación Histórica do s.XX naceu na Coruña en xaneiro do 2011 co obxectivo fundamental de achegar o seu grao de area na pescuda da historia do século XX, con especial énfase na Historia de Galicia e dos galegos e galegas. Está composta por cinco historiadores formados na Universidade de Santiago de Compostela e este foi o primeiro traballo que desenvolven como grupo, no que pretenderon abarcar unha temática nova, nese momento.

Preocupados polo devir do século XX e as carentes de vías coas que desenvolver traballos de investigación sobre a historia máis recente do país, os membros da AIH chegaron á conclusión de que unha boa forma de obter recursos cos que responder ás súas preguntas, era a de organizarse. Coa oportunidade brindada polo Ministerio da Presidencia, o proxecto a desenvolver baixo o título “Mujer y represión en el Noroeste Peninsular. Galicia y El Bierzo (1936-1945)”, consistiu na creación dunha base de datos na que rexistrar a todas aquelas mulleres que foron procesadas por cuestións políticas entre o ano 1936 e 1945, ano no que remata a Segunda Guerra Mundial.

Coa presentación desta base de datos, os membros da AIH pretenden avanzar no estudo das consecuencias que a guerra civil e a posguerra tiveron sobre as mulleres, tanto en Galicia, como na limítrofe comarca do Bierzo. Preténdeno facer a través dunha das fontes de información máis completas que existen no estudo da violencia franquista, os tribunais militares. A base de datos que se presenta é o resultado dun pormenorizado traballo de máis de oito meses nos arquivos militares de Ferrol, no que os cinco membros do grupo moveron máis de catrocentas caixas con procesos militares abertos contra mulleres, en cinco provincias diferentes e en oito tribunais militares.

Protagonistas

As irmás Valle Valle (Celia e Clotilde), foron procesadas na causa 374/41 de León e Celia na 77/41 de Ourense. Foron condenadas a 12 anos e un día (Celia nas dúas causas a esa mesma pena). Na causa de León, as dúas irmás foron acusadas de enlaces cos "fuxidos". Na que só aparece Celia, o motivo de detención é estar un tempo fuxida e montar unha pistola.

Clarisa Rodríguez Rodríguez foi procesada na causa 433/42 de Ourense na que foi absolta por auxilio a fuxidos.

Irmás Valle Valle La foto na prisión de mulleres de Amorebieta (Biscaia).
Clarisa Rodríguez Rodríguez