Ir ao contido principal

Da aldea e da cidade. Memoria colectiva de Sar, Santa Marta, San Lázaro e A Peregrina

Presentación

Púxose o foco na análise das características, transformacións, usos do espazo e dos habitantes dos barrios para establecer un percorrido por aqueles elementos clave na construcción das relacións sociais e económicas da súa historia: San Lázaro, na entrada principal do Camiño á cidade, barrio de peregrinos e funcionarios; Sar, que mantén unha trama semirrural pese á súa proximidade ao centro, Santa Marta, completamente irrecoñecible comparada co pasado século; e A Peregrina, como entidade máis alonxada e eminentemente rural. 

Obxectivos

O obxectivo principal foi recuperar a memoria histórica e socioeconómica dos catro territorios seleccionados como achegamento aos procesos de transformación que se deron na paisaxe e modos de vida rural polo influxo da cidadae compostelá.

Pero tamén:

  • Coñecer a actividade económica dos barrios e a súa mudanza co paso do tempo.
  • Reconstruir a memoria colectiva de cada barrio a través da memoria oral dos seus habitantes.
  • Recoñecer o papel da muller como axente principal na economía e historia social dos nucleos poboacionais.
  • Establecer unha visión sobre as transformacións demográficas e paisaxísticas, establecendo aqueles elementos que permiten esta mudanza
  • Identificar se existe unha identidade de barrio en cada unha das zonas escollidas ou se predominan outras claves territoriais e de sociabilidade distinta.

Metodoloxía

A investigación levouse a cabo por medio de fases interdependentes, combinando de forma xeral as fontes orais con documentos de arquivo e fontes bibliográficas. 

Primeiro, para contextualizar a realidade socioeconómica de Santiago de Compostela, consultáronse diferentes estudos e publicacións; así como fontes cartográficas e planimétricas para coñecer a evolución demográfica, económica ou xeográfica.

Posteriormente, consultáronse diversas fontes de arquivo para estudar en profundidade a historia compostelá. A documentación tiña un carácter heteroxéneo en canto a contidos e periodos cronolóxicos, polo que o traballo de contraste foi fundamental.

Na última fase, empregouse a metodoloxía etnográfica, como técnicas como a observación participante e a entrevista, todas elas dispoñibles no fondo de Terra e Memoria. Ademais, tamén se recompilaron materiais de arquivo persial, como fotografías e se botou man de técnicas e dinámicas de mapeamento comunitario para animar á participación veciñal.

Os barrios

SAN LÁZARO

Localízase ao nordeste da cidade, seguindo unha trama lineal, unha corredoira de época romana, posteriormente aproveitada como entrada á urbe na última etapa do camiño francés dende o Monte do Gozo. A condición de aldea das aforas dotou ao barrio con construccións propias destes modelos de poboación, como o Lazareto. Actualmente perdeu o caracter rural e integrouse na cidade como un novo barrio, coas súas repercusións económicas.

A comezos de século a actividade económica principal estaba vinculada co traballo de campo e dos animais, tanto de homes como de mulleres. Posteriormente, estas cifras foron mudando e cada vez mais, diversifícanse as actividades e os oficios. 

No relativo ao ocio e tempo libre, a súa festa local con máis tradición é a da Uña e conta cunha historia de máis de catro séculos. Ademais, a asociación de veciños do Monte do Gozo é das máis antigas na cidade.

 

SAR

Está situado no sureste da cidade a apenas 2 km. do centro e recibe nome do río Sar que o atravesa. As súas orixes remóntanse ao século XII coa construcción da colexiata de Santa Mª de Sar, con todo, a pesar da antigüidade, destaca a controversia existente entre os veciños sobre a delimitación do propio barrio.

A partir dos anos 60 do século XX a evolución urbanística é moi notable, chegando a darse un "boom" constructivo nalgunhas zonas nas decadas posteriores. A pesar de ser fundamentelamente unha economía de autoabastecemento, as fábricas de camisas AGE e as de Panosa deron un importante pulo industrial á zona mentres estiveron activas.

 

SANTA MARTA

Atopámolo na entrada sur da cidade, a menos de quilómetro e medio do casco histórico e ata 1925 formaba parte do concello de Conxo. Nas tres primeiras décadas do s. XX ten lugar o maior despegue demográfico que trouxo consigo importantes transformacións na paisaxe. 

O retrato rural e campesiño é o que mellor encaixa para a primeira metade do s. XX, chegando a ser residual nos anos 70. A propia evolución do barrio diversificou os servizos e o perfil socioeconómico dos seus habitantes. Neste eido, a asociación veciñan creada en 1975 xogou un papel fundamental no sentido de unidade.

 

A PEREGRINA

Encóntrase no noroeste do concello, a uns 5 km. da trama urbana e destaca o salto xeográfico que a separa da cidade marcado por terras agrícolas e montes. Ten, por tanto, un caracter de aldea rural, moito mais marcado que nos casos anteriores. Así, o desenvolvemento que se aprecia noutras áreas do concello nos anos 70, non é significativo na Peregrina, que segue a ter unha trama dispersa. Tampouco modificou moito co paso do tempo a actividade económica, vinculada especialmente cos labores do campo.

Conclusións

Os barrios de Santiago comezaron sendo aldeas separadas con características propias que se foron integrando co paso do tempo. Cada un sufriu transformacións diferenciadas que afectaron aos modos de vida, á paisaxe e tamén, á identidade dos seus habitantes. Os que sufriron os maiores cambios foron Santa Marta e San Lázaro; pois a presenza da Universidade, da Administración e do Camiño de Santiago foron elementos chave. Apareceron edificios de nova construcción habitados por xente non autóctona e desconectada do barrio, polo que a xente "de toda a vida" é residual. O caso de Sar é particular porque mantivo en gran medida a súa paisaxe verde e parcelada e unicamente a zona de Castrón Douro se diluiu na trama urbana. A Peregrina, debido á distancia que a separa do centro da cidad, mantivo a identidade orixinal e continua sendo un núcleo poboacional pequeno e de casas baixas con identidade agraria.

En resumo, aumentaron as diferencias entre os barrios ainda que na memoria oral quedan sentimentos compartidos como a nostalxia pola alimentación producida por un mesmo, a liberdade dos xogos na rúa ou a facilidade das relacións veciñais.

Plano da cidade de Santiago, 1907-1908