Ir ao contido principal

"Vermellas. Chamábanlle rojas"

Introdución

O extraordinario esforzo persoal realizado polas mulleres máis conscientes durante a II República, moitas delas afiliadas a asociacións progresistas, partidos de esquerda ou sindicatos de clase, foi paralelo aos avances sociais que potenciaron a súa presenza na vida pública e a afirmación do dereito ao traballo fóra do fogar, así como a ampliación da súa liberdade e dos seus dereitos de cidadanía.

Mais, a sublevación 1936 non só interrompeu estes avances, senón que tratou de exterminar toda independencia de criterio feminina, liquidando ou encarcerando as mulleres máis significadas ou resistentes, ás veces con sádica violencia sexista. A maioría das vítimas mortais foron proletarias militantes e familiares de fuxidos, mais tamén pereceron intelectuais comprometidas e mestras politizadas. 

O 6 de marzo de 2009  inaugurabase a exposición Vermellas. Chamábanlles “rojas” na Sala Isaac Díaz Pardo da Facultade de Veterinaria de Lugo. A mostra, organizada pola Vicerreitoría de Cultura da Universidade de Santiago de Compostela, estivo dedicada ás mulleres que foron "represalidas" en Galicia tras o golpe de Estado de 1936. A mostra permaneceu aberta ao público até o 6 de maio de 2009. 

Esta exposición viaxou por diferentes espazos de Galicia durante máis de cinco anos e puxo en valor o coñecemento ao redor da violencia das mulleres xerado grazas aos traballos do proxecto "Nomes e Voces".

Da visualización social da muller á inmersión no terror. 1936: Golpe de Estado, vítimas e memoria

O protagonismo da muller

En semellante contexto de conculcación dos dereitos humanos as mulleres non fican á marxe do grande bucle da violencia golpista. Unha grande parte vense integradas no proceso en calidade de parentesco coas vítimas masculinas, amplamente maioritarias nos casos de morte ou procesamento. Nesta nova realidade, son diversos os papeis que se ven obrigadas a desempeñar, asumindo moitas a cabeza da familia na ausencia do home. Ausencia, en principio temporal aínda que en miles de casos definitiva, que pasa, inicialmente, pola busca do paradoiro dos detidos e o seguimento no seu proceso violento, aportándolles afecto e, na medida do posible, información e axuda material, actividade necesaria pero que lles reporta un completo trastorno emocional e vital, incrementado nos casos en que a detención desemboca en morte, en ocasións comunicada de forma despiadada. 

 Ao mesmo tempo, a muller é vítima dunha cotidianidade caracterizada por rexistros domiciliarios - en non poucos casos levados a cabo por persoas coñecidas das que nunca terían esperado semellante comportamento - acompañados de ameazas, saqueos ou maltratos, ás veces inferidos aos fillos menores con grande ensañamento. Tamén sofren a estigmatización ou exclusión social: a dificultade para acceder a un posto de traballo; vexacións nas relacións cotiás, como as burlas e menosprezos na propia tenda do barrio ou, incluso, a integración forzosa e humillante nos múltiples e habituais desfiles conmemorativos das vitorias "nacionales". Recordo indeleble na memoria dunhas orfas da violencia en Bueu que, refuxiadas coa súa nai no faiado, soportan gritos e golpeos na porta da casa familiar, reclamando a súa asistenza ás manifestacións de gloria.       

Este proceso de vitimización trasládase da muller adulta ao mundo dos menores, especialmente no caso das nenas e adolescentes que, ante a desaparición, morte ou encadeamento da nai e o pai, maduran precozmente ao fronte da familia entre terrores dos que lles quedan moi vívidos recordos. Entre os que aflora un tema non por pouco coñecido inexistente como é a entrega de nenas e nenos de curtas idades a outras familias. Tampouco faltan os casos nos que as nenas que viven en contextos de persecución, asumen nos seus xogos a figura do verdugo, como acontece coas fillas dun anarquista coruñés que teñen como habitual xogo ser Blanco y Pellicer, os gardas civís que constantemente acoden ao seu domicilio na busca do pai.

En paralelo aos milleiros de mulleres que padecen a violencia como vítimas colaterais, un número significativo de mulleres van ser vítimas directas desta. Así o poñen de relevo as depuracións das funcionarias, especialmente, polo seu volume, das mestras e, sobre todo as 80 mortas que actualmente se poden contabilizar ou as 320 procesadas. Parte delas sentenzadas a  prisión e cunhas vivencias similares ás dos presos masculinos, agás un importante e singular feito que motiva unha particular relación de solidariedade entre as reclusas: a convivencia en prisión con fillas e fillos de curtas idades, en casos con nacemento nos recintos penitenciarios. 

Ao igual que os homes, as mulleres van ser sancionadas, enxuízadas, postas ante pelotóns de fusilamento, atopadas tiroteadas nas cunetas ou desaparecidas, quedando documentos e memoria que así o confirman. Con todo, outras formas de violencia só poden ser detectadas a través dunha memoria que comunmente as asocia a castigos infrinxidos á muller. No caso das rapas e purgas, sistematicamente repetidas no común de Galicia, abandónase a aparencia de legalidade dos tribunais militares e a nocturnidade dos paseos e escenifícanse á luz do día, mediante unha sorte de "desfiles" públicos, ca fin de promover a humillación das mulleres nun marco de abusos e escarnio dos vencedores e a impotencia dos vencidos obrigados a contemplar estes actos sen ousar intervir paralizados polo terror. Ringleiras de mulleres son conducidas, ás veces acompañadas de golpes, polas rúas en dirección a sede de Falange ou ás dependencias municipais, onde son peladas, purgadas e devoltas á vía pública para que podan visualizarse os efectos do castigo. As mulleres que foron peladas, ademais de verse privadas dun símbolo de beleza ou coidado persoal, son marcadas socialmente cunha vexación pensada para ser contemplada no día a día e que, por extensión, sinala a súa familia. Incluso, nun intento de ultraxe, non faltan exemplos nos que esta tarefa recae nun parente da vítima ou nun personaxe significado politicamente na comunidade no recente pasado republicano.

As veces, defraudando as expectativas dos perpetradores, algunhas mulleres son quen de rebelarse contra a pretendida vergoña social e, posiblemente, como unha forma de amosar desprezo tanto polo castigo como polos que o levan a cabo, mostran publicamente a súa cabeza pelada, incluso facéndose fotos que negan o esquecemento e fan perdurar unha memoria na que tamén se poden rastrexar dende exhibicións públicas de mulleres espidas ate violacións.

Visibles e perseguidas: unha explicación da violencia contra as mulleres

Unha razón para que a muller sufra directamente a violencia é o seu papel na protección de familiares perseguidos evitando ou dificultando o labor persecutorio. Un exemplo, dos que teñen un resultado máis extremo, é o dunha muller de Mos, que por agochar ao seu marido -posteriormente morto-, asiste á tortura do seu fillo maior sendo finalmente paseada, deixando orfos e orfas que, ante a dificultade de poder demostrar a morte dos seus proxenitores, malvenden os bens familiares a un veciño adicto ao Golpe.

 

Pero, a muller convértese en perseguida en función do seu posicionamento, actividade e actitude antes e despois do Golpe de 1936. É suxeito, pois, da violencia, na medida que se ten significado no exercicio dos dereitos que ten conquistando durante o primeiro terzo do século XX e que se verifican na experiencia democrática da II República, mediante a cal, aínda que con eivas, comezan a integrarse como suxeitos políticos en igualdade cos homes. O que non deixa de supor un recoñecemento como cidadá, concretado dende o plano sindical ate a lei do divorcio.

As vítimas femininas sono por reivindicativas, cultas ou modernas. No que atinxe ao primeiro aspecto, contemplado dende unha dimensión sociopolítica, representan dúas xeracións activas e significadas na esfera pública. Así, en lugares como Bueu as "peladas" son recordadas como mozas traballadoras da industria conserveira reivindicativas na esfera laboral, transcendendo algunhas á política, encabezando un acto conmemorativo portando unha bandeira republicana de confección propia.Nas causas militares obsérvase como é común atribuírlle as procesadas unha "ideología de izquierdas", "ideas comunistas" ou "ideas avanzadas", facéndose merecedoras das penas máis elevadas, caso das executadas Consuelo Alonso González, alcumada "La Comunista" e acusada de ser enlace dos fuxidos ou Amada García Rodríguez, militante do PCE. Quizás o exemplo máis paradigmático da violencia contra as mulleres en función da súa implicación na esfera pública, sexa o de María Gómez, única alcaldesa de Galicia en 1936, sentenzada a pena de morte, posteriormente conmutada por cadea perpetua.  

Outras motivacións da violencia só se poden identificar a través da memoria. Caso da cultura e a formación para obter un emprego fora do fogar, aspiración dunha nova xeración de mulleres. Identificándose nalgunhas localidades maioritariamente entre os desfiles de rapadas a estudantes de clase media, con perspectivas profesionais. Moderna aspiración, que supón unha diferenciación cultural respecto ás fillas das clases altas, con pautas de comportamento tradicionais no ámbito da formación feminina, e que as sitúa no punto de mira dunha violencia que, máis aló do estrictamente político, combate distintas transformacións dos hábitos de vida, producto de lo que se coñece por modernidade. 

A memoria tamén sinala entre as vítimas a mozas que teñen rexeitado propostas de relaciones sentimentais con algúns dos que van desempeñar o papel da violencia. Vivencias que non deben ser infravaloradas fronte a outras causas de violencia, xa que significa un posicionamento máis libre por parte das mozas na sociedade, facendo uso dos seus dereitos na elección da súa parella, feito inaceptable para un grupo de homes que, nun contexto violento e de ausencia de dereitos, poden resarcirse da súa situación de pretendentes rexeitados.

Todas estas realidades evidencian un ataque á modernidade entendida como progreso social, encarnada polas novas actitudes da muller na sociedade, que a converten en obxecto dunha violencia organizada que promove dende o seu asasinato ate a súa humillación pública. Humillacións que, seguindo idéntico guión, se escenifican na totalidade do territorio galego, cun volume de vítimas, sen dúbida, moi elevado, aínda que moi difícil de precisar.

Vítimas, simbolos e mitos

En ocasións, a violencia exercida sobre algunhas mulleres executadas ou paseadas pasa a ocupar un lugar referencial nas memorias transmitidas nunha comunidade. Sendo rememoradas mediante relatos, en grande medida coincidentes, que evidencian una notable compoñente simbólica e mítica. Pódense, así, aprehender diversas categorías simbólicas identificadas co xénero feminino:

A muller-exemplo. Representa un modelo de valentía fronte aos acontecementos violentos que van a dar lugar a la perda da súa vida. A súa morte lémbrase como un enfrontamento final ante os fundamentos da violencia, dignificando coa súa actitude todos os valores cos que esta quere acabar. Neste caso, é preciso volver a retomar a figura de Amada García Rodríguez, cuxa execución nun recinto militar, vai ser contada, lembrada e transmitida como un acto de valor, no que a súa figura destaca entre os homes enfrontados con ela ao pelotón de execución, ao que encara sen venda nos ollos expresando as súas ideas. Este relato cobra maior relevancia, si se ten en conta que vai ser transmitido por un preso tamén vencellado ao PCE. Independentemente do grao de verosimilitude dos feitos, asístese á mitificación dunha muller, recordada como un exemplo a seguir pola fe nos seus ideais. Recordo heroico que se difunde nun contexto político de clandestinidade e resistencia, moi necesitado da actividade da muller, cando menos, como apoio ou enlace. 

Fronte a esta imaxe, en certa medida triunfalista, nun contexto máis íntimo como o da propia familia, a morte da muller é transmitida con tintes máis crus e desprovistos de todo contido épico. Mulleres que case non poden terse en pé ante a perspectiva de que pronto acabarán coa súa vida e ás que se lles cede unha cadeira para que o seu "paso por las armas" sexa más decoroso ante os ollos dos seus executores.

 - A muller-comunidade. Como este nome indica, trátase dunha persoa con identidade e raíz definida, cuxa morte é lembrada na memoria colectiva da comunidade á que pertence. Un caso concreto é o da coñecida como "A Capirota", personaxe recordado polas persoas coetáneas ao proceso violento e transmitido aos seus descendentes na vila de Marín. A lembranza da súa morte, non exenta de detalles reveladores dun gran ensañamento, xunto coa memoria do particularmente acontecido no seno de cada familia que sufre a violencia, eríxese en símbolo desta na comunidade, da brutalidade e senrazón que leva aparellada e, sobre todo, da imposibilidade de xustificala.  

A muller-terror. Trátase dun caso totalmente contrario ao anterior, xa que nin pertence á comunidade que a lembra nin se coñece a súa identidade. A súa imaxe serve para reforzar o medo nunha localidade. Así pódese apreciar na vila de Bueu, onde segue vivo o recordo dunha muller nova morta, exposta nun camión que circula polas rúas, feito que uns aseguran ter visto e outros oílo contar no seu momento. Asístese así a unha propagación do terror con todo o grado de paralización social que este poda levar aparellado, acompañado dun claro mensaxe de que a muller non queda exenta de persecución.

- A muller-indefensión. Esta tipoloxía ven a significar unha imaxe de conmiseración cara os perseguidos e, ao mesmo tempo, pode incluso xerar un conflito de conciencia nos propios represores. Tamén é verdade que o coñecemento destes casos mantense moito máis opaco. É especialmente elocuente o testemuño dunha muller de Bueu que rememora a confesión feita por un falanxista arrepentido. Nun dos "paseos" nos que participa, ten o cometido de eliminar a unha moza. Durante o traxecto, esta mostra unha imaxe total de indefensión coa que busca mover a piedade dos verdugos. Ante esta situación, o seu potencial executor é incapaz de desempeñar o seu papel e a experiencia vivida lévao a desvincularse dos grupos dos verdugos, ademais de xerarlle secuelas psíquicas de por vida.

A muller mártir. As mulleres perseguidas ate o grao da súa eliminación física, son, en determinadas ocasións, susceptibles de converterse en modelos mediante os que se afirman unha serie de valores ou incluso de que se configure en torno a elas unha mitoloxía sobre a que se constrúe un imaxinario colectivo do bando perdedor. Dentro desta mitificación, as asasinadas novas poden ser recordadas como personaxes de especial beleza física. A súa cara, pelo e figura, e incluso o seu propio martirio evocan imaxes da cultura popular tomadas das virxes, santas e mártires abundantes no mundo do catolicismo, dos contos infantís ou, incluso, desde unha perspectiva máis moderna, dos folletíns, en moitos casos, de común lectura na prensa diaria.  

A muller odiada. No plano contrario, tamén continúan nítidos na memoria os recordos dos que exercen a violencia de forma máis directa e contundente, homes na súa totalidade. Sen embargo, non faltan os recordos de mulleres, dalgunha maneira, significadas negativamente na memoria do acontecido. Como amosa, a imaxe compartida das xefas falanxistas de distintas localidades, recordadas na actualidade como mulleres autoritarias e, sobre todo, de gran corpulencia física e potente voz. Outras mulleres,  permanecen na memoria das vítimas dunha localidade, identificadas coa perversión xerada polo contexto violento. Ben significativo é o caso de Bueu, onde un testemuño tras outro repite a frase lapidaria da, por entón, poderosa muller dun dos máis activos perpetradores locais: "cada vez que matan a uno me como un pollo", na que se xuntan dramaticamente os feitos de recrearse na dor allea nun tempo de terror e poder comer un polo, cando xa a fame comeza a vislumbrarse.    

A transmisión do acontecido

Dada a gran maioría de homes mortos e condenados a prisión, a muller, como viúva ou temporal cabeza de familia, vai desempeñar un papel fundamental como transmisora dunha memoria que vai seguir viva, a pesar do gradual interese da ditadura de promover un esquecemento da violencia que pasa por vencellala exclusivamente ao ámbito das envexas e as rivalidades persoais, desposuíndoa, en boa medida, de calquera marca de oficialidade e, por conseguinte, culpabilizando á propia sociedade.

Sen embargo, a memoria das persecucións non só existe, senón que permanece extraordinariamente viva, tanto entre as persoas que a viven na idade adulta, como entre as que son menores e, incluso entre unha primeira xeración nacida ao redor do 36 ou nos anos de posguerra proxectándose cara o futuro. Feito, este último no que convén deterse, xa que indica un importante nivel de consolidación dos relatos transmitidos nun ambiente caracterizado pola fame, o medo e as cautelas, obrigando a que sexa o ámbito familiar o máis propicio para levar a cabo unha transmisión da memoria focalizada en torno á vítima ou vítimas familiares.

En liñas xerais, pódense apreciar tres actitudes en canto á xestión da transmisión da memoria:

- Transmisión aberta. Mediante a que na familia se explicita claramente o feito violento padecido e os menores crecen coñecéndoo como algo natural, pasando a formar parte da memoria familiar sen temores nin vergoñas. En moitos casos dignificando abertamente á vítima fronte aos seus verdugos ou a ditadura franquista.

- Transmisión difusa. Neste caso, as nais ante o medo ás posibles consecuencias que o relato poda reportar aos seus fillos, non transmiten os feitos dun xeito directo aínda que tampouco os ocultan, formando parte de conversacións reservadas a adultos e ás que os menores van accedendo de forma fragmentaria ate chegar á idade adulta. Neste caso, sen explicitalo, tamén se manifesta no seno familiar un posicionamento oposto á mensaxe oficial, fiel a unha memoria con vocación de permanencia.

- Negación da transmisión. Hai situacións nos que o trauma que supón a violencia e persecución non pode ser superado. A muller amósase como un ser derrotado e incapaz de transmitir aos seus descendentes o acontecido. Nuns casos, o desconcerto e as ganas de coñecer unha realidade que sospeitan, fai que estes recorran a outros parentes ou a veciños. Outras experiencias amosan un descubrimento tardío e abrupto da verdade, chegando, incluso, a supoñer unha radical transformación vital. En ocasións, este silencio materno, difícil de satisfacer por outras vías, sen pretendelo, contribúe a que os membros menores da familia vaian madurando coa sensación de que o seu pai puidese ter  sido culpable de algún tipo de delito ou ter tido un comportamento similar ao dos represores, xerándolles, en casos extremos, un grave malestar psicolóxico. Ao mesmo tempo, seguindo o exemplo materno, negan a transmisión do acontecido á súa futura familia.

A transmisión da memoria ten o seu propio comportamento interno. Así, o feito de que se leve a cabo no contexto do franquismo e que esta recaiga, en moitos casos, nunha muller escasamente politizada antes do Golpe, permite que sexa rica en canto ao carácter humano e o proceso violento da vítima, pero moito máis difusa no que respecta á súa pasada actividade socio-política. 

A vivencia ou coñecemento da violencia e persecución, vaise converter en si mesmo nun referente sobre o que establecer unha particular oposición ao réxime franquista. Deste modo, a diferencia da minoría que opta pola loita armada ou a actividade política clandestina, a maioría das familias sinaladas pola represión practican unha oposición silente pero, en moitos casos, visceral cara o franquismo, non estruturada en torno a un discurso ideolóxico senón á propia memoria dos acontecementos vividos, núcleo dunha sorte de "ideoloxía" de substitución, ao redor da que sobrevive un silente pero, en definitiva, notorio antifranquismo sociolóxico

A violencia: significado e recordo

A violencia é un mecanismo no cal se asenta a instauración dun réxime dictatorial, que destrúe a experiencia democrática precedente e xera unha desconfianza e medo futuro cara a actividade política e a participación social. Tamén supón a eliminación física ou a total marxinación dos sectores máis dinámicos que afecta á propia estructura dunha sociedade que se resinte en múltiples aspectos, dende o ámbito da cultura e a difusión desta ate o plano do asociacionismo voluntario, como o caso do deportivo. No que atinxe á muller o retroceso é brutal, porque fican cercenados os dereitos adquiridos e a súa progresiva visualización social. 

Pero ademais das perdas no sentido político e social que significan un paso cara o atraso e ocultan a xeracións futuras moitos dos avances producidos dende o fin de século XIX e ao longo do primeiro terzo do século XX, non se poden esquecer as perdas humanitarias, aínda hoxe por contabilizar e condear no conxunto dunha sociedade que se chama democrática e que non debería consentir a ocultación de tanta morte, aínda presente en foxas esquecidas polo propio sistema xudicial, como tampouco debería permitir a utilización política das vítimas, recuperando con maior ou menor intensidade a súa memoria en función da súa suposta ideoloxía política ou militancia sindical, porque todas deberían ser patrimonio dos que apostan pola defensa dos dereitos humanos en calquera lugar do planeta.    

Intelectuais e mestras

O temor e o odio á muller intelectual, capaz de utilizar a súa intelixencia contra o fascismo, materializouse no asasinato de Juana Capdevielle San Martín, licenciada en Filosofía e Letras pola Universidade de Madrid e activa bibliotecaria e arquiveira na Facultade de Filosofía e Letras e no Ateneo madrileños. En 1934, presentou un congreso de pedagoxía sexual o avanzado relatorio "El problema del amor en el ambiente universitario", onde defendeu a paridade amorosa e a co-responsabilidade procreativa fronte ás hipocrisías burguesas, e en 1935 realizou nun congreso da súa especialidade unha proposta sobre "Bibliotecas de hospital", pois pensaba que poderían cumprir unha función terapéutica e cultural. 

Juana era a parella do gobernador civil republicano da Coruña, Francisco Pérez Carballo,  e días despois di Golpe de 1936, foi encarcerada e secuestrada, tras ser fusilado o seu marido, para ser finalmente asasinada e enterrada en Rábade (Lugo) o 18 de agosto de 1936. Ela, embarazada e con vinte e nove anos simbolizaba, xunto co seu marido, o cambio protagonizado pola xuventude progresista que durante a II República traballou coa ilusión de modernizar a sociedade baixo os principios da xustiza e a liberdade, brutalmente erradicados polo levantamento franquista. 

Castelao inmortalizou no debuxo dun mestre asasinado que choran uns nenos, "A derradeira lección do mestre", pois os mestres, que representaban a cultura e o progreso, foron vítimas frecuentes do fascismo, que vía na extensión educativa da II República unha ameaza para o seu elitismo. Mais cómpre non esquecer que igual destino padeceron tamén algunhas mestras, co agravante de sufrir, antes da morte, a violencia machista dos verdugos. Por exemplo, María Vázquez Suárez, mestra socialista en Miño, foi torturada e asasinada na praia de Barallobre (Miño) o 19 de agosto de 1936, acusada, entre outras cousas, de postular a escola laica e o amor libre, así como de enterrar a súa nai sen rito católico.

Moitas outras mestras foron depuradas do seu posto de traballo, e algunhas mesmo padeceron prisión, como Isabel Ríos Lazcano, de Curtis, esposa do doutor Manuel  Calvelo, fusilado, e a quen se lle conmutou a pena de morte no último momento; Josefa García Segret, de Santiago de Compostela, esposa do mestre de Tomiño Hipólito Gallego Camarero, "paseado", e que salvou a vida por finxir un embarazo; Elvira Bao Maceiras, da Coruña, ou Enriqueta Otero Blanco, de Castroverde (Lugo). A depuración alcanzou a familias enteiras de mestras, como a composta polas irmás Ernestina, Esperanza, Araceli e Dolores Otero Sestelo e a filla da primeira, Elena Pereiro Otero, de Redondela.

Juana Capdevielle
Ernestina Otero Sestelo
Josefa García Segret
Despedida da súa parella, Francisco Perez Carballo, antes de ser fusilado

Proletarias da cidade, do campo e da costa

Moitas mulleres proletarias serviron de enlaces na reorganización da resistencia obreira, sobre todo da FAI e da CNT, e nos intentos de fuxida por mar dos antifascistas agachados, como foi o caso da frustrada operación do Portiño na Coruña. Ademais, a miúdo ocultaron nas súas casas persoas perseguidas. Un bo número delas pagou coa vida este solidario labor de axuda e acollida, ao seren delatadas ou descubertas e asasinadas nos asaltos ás súas vivendas. Outras moitas foron maltratadas e encarceradas.

Caso particularmente tráxico foi o das matanzas do barrio obreiro das Atochas, na Coruña, o 10 de xullo de 1937, tras o asalto ás casas de María Otero González, viúva dun executado, e de Alicia Dorado, panadeira que acollía no faiado que habitaba aos anarquistas Acebedo e Fournarakis, e no que pereceron estas dúas mulleres. No ataque, tamén resultaron mortos outros agochados, foron feridos nenos veciños e foi detido un líder da FAI.

Mais foron moitas as proletarias relacionadas con vítimas anarquistas apresadas a raíz das redadas de 1937 na Coruña: María Seijas Sánchez, Marina Rey Sánchez, Pilar Suárez Marantes, Josefa Calvo Cortés, Aurora Miguélez Pena, Consuelo Meitín Rodríguez, Teresa Lamas Conchado ou Paca de San Amaro, entre outras. Algunhas destas mulleres solidarias procedían de ámbitos tan depauperados como o da prostitución: este é o caso de Alejandra, da rúa Cartuchos, e da peixeira Basilisa Álvarez González, chamada A Corales, que tivera que exercer a prostitución para sobrevivir sendo nova. Dalgunhas das humildes mulleres que acolleron "fuxitivos" sábese moi pouco. Tal é o caso de Erundina Álvarez Pérez, fusilada en Ourense o 28 de setembro de 1936, acusada de agochar un "fuxido" na súa casa. 

Proletarias e labregas con vivenda no campo acolleron nas súas humildes casas fuxidos e por toda Galicia houbo represalias tan horribles como a padecida por Pilar Fernández Seijas, traballadora metalúrxica na empresa Vasco-Galaica de arame, que tiña ocultos tres camaradas nunha casopa en Cea de Vilagarcía de Arousa, onde foi queimada en febreiro de 1937 con todos os agachados dentro. 

Josefa Barreiro González, de Trabanca, en Badiña (Carril), tiña dous fillos e limpaba casas. Agachou un anarquista na súa morada e foi apresada, torturada e asasinada en marzo de 1937. 

María Becerra Laíño tiña agachado na súa casa de Marselle un anarquista do Sindicato Mineiro de Lousame, polo que foi asasinada o 24 de febreiro de 1938. 

As mulleres proletarias afiliadas a sindicatos de clase, sobre todo aos da industria pesqueira de CNT, opuxéronse ao Golpe militar con manifestacións na rúa e logo participaron na reorganización obreira na clandestinidade. Algunhas foron abatidas en enfrontamentos nas rúas e en asaltos a domicilios, outras foron "paseadas" en lugares apartados. Moitas máis foron encarceradas e sometidas a torturas. Entre as vítimas predominaron as proletarias dos portos, empacadoras, atadoras e pescantinas, pero tamén houbo metalúrxicas, panadeiras ou costureiras, entre outras. Tras a guerra civil, as mulleres proletarias galegas tardarían décadas en volver ter a presenza cualitativa e cuantitativa que alcanzaran durante a II República nos sindicatos de clase.

Boa parte das proletarias abatidas foron baleadas na Coruña, como María Bello Paz e Teresa Varela Calviño, cenetistas do sindicato de industria pesqueira que pereceron a tiros nos enfrontamentos de 1936.

Noutras zonas costeiras con implantación da CNT na industria conserveira foron tamén moi castigadas as líderes proletarias, como foi o caso de Dolores Blanco Montes no Morrazo, secuestrada e ferida nun "paseo", e finalmente, tras vagar por Mogor e outros lugares, encarcerada en Pontevedra e Saturrarán. 

Outro caso é o de Carmen Pesqueira Domínguez, chamada A Capirota, lavandeira que traballaba no Polígono Naval de Marín.

Consuelo Meitín e Basilia Álvarez
Amalia Fraguela
Josefa Barreiro
Carmen Pesqueira, "A Capirota"

Campesiñas dos brazos abertos

Entre as labregas existía un menor grao de conciencia política e de afiliación sindical que entre as proletarias, con todo, foron moitas as mulleres campesiñas que se opuxeron ao fascismo dende o primeiro momento e mesmo que morreron por iso. A maior parte das labregas asasinadas fórono "en represalia" por agachar parentes ou coñecidos nas súas casas. De feito, foi frecuente o caso de liquidar xuntos varios membros dunha mesma familia. Algúns exemplos foron os casos de: 

 

 

 

O terror en carro de vacas

A disposición dos corpos sen vida á vista pública en estradas, camiños e encrucilladas formou parte dun proceso de exhibición das vítimas antes de ser asasinadas. Este feito proba que había un interese por parte dos asasinos en aterrorizar exemplarmente a poboación, que de súpeto se atopaba con tan macabros sinistros e que a miúdo se encargaba de trasladar e enterrar os cadáveres. As mulleres comprometidas non foron unha excepción a estas regras. 

A comunista Anunciación Casado Atanes, de San Mamede de Viana, foi torturada e exhibida nun carro de bois polo contorno da Gudiña antes de ser asasinada o 21 de agosto de 1936.

As tamén comunistas María del Valle Lozano e Salud Torres Díaz, secuestradas en Celanova, onde estaban presas, e asasinadas no contorno de Mosteiro de Ribeira (Xinzo de Limia), o 29 de outubro de 1937, tiveron que ser trasladadas ao cemiterio polos propios veciños nun carro de vacas. 

María del Valle Lozano

Mapoulas de Montecubeiro

En agosto de 1937 tivo lugar en Montecubeiro de Castroverde (Lugo) un masacre do que foron vítimas o mestre Arximiro Rico, que foi sadicamente martirizado, numerosas esquerdistas e tres mulleres con eles relacionadas: a traballadora Virxinia Meilán Varela e as mozas Carmen Sarille Lanceiro e Manuela Graña Rico

Homenaxe ás vítimas de Montecubeiro
Carmen Sarille Lanceiro

Xulgadas sen xustiza

Aínda que foron moitas as mulleres asasinadas en Galicia durante a guerra civil e a posguerra, moi poucas foron fusiladas tras ser xulgadas en consello de guerra, pois as restantes pereceron abatidas sen ningunha clase de xuízo, xeralmente tras ser secuestradas e paseadas. Polo demais, os xuízos militares foron farsas sen ningún tipo de garantía procesual. 

  • Consuelo Alonso González, chamada A Comunista, humildísima vendedora de xornais en Monforte de Lemos, casada e con catro fillos, foi detida e rapada en 1936 polas súas ideas esquerdistas, pero logo foi encarcerada, procesada e finalmente fusilada en Lugo o 13 de maio de 1938.
  • A comunista mugardesa Amada García Rodríguez foi encarcerada durante o seu embarazo e fusilada aos vintesete anos con outros compañeiros na prisión militar de Ferrol o 27 de xaneiro de 1938, tras despedirse do seu pai, do seu marido e do seu fillo acabado de nacer, que puideron sentir a descarga da súa execución na embarcación que os trasladaba a terra dende o Castelo de San Felipe.
Amada García

Exiliadas e fillas do exilio

Unha das grandes perdas da Galicia da posguerra foi a fuga de activos cerebros femininos que tiveron que exiliarse para salvar a vida ou para vivir en liberdade, a miúdo despois de andar "fuxidas", sufrir encarceramento ou padecer a morte dos seus seres queridos. 

Este foi o caso de Margarita Bilbatúa Zubeldía, a quen lle asasinaron tres irmáns socialistas en Vigo; Placeres Castellanos Pan, esposa do mestre fusilado Víctor Fráiz e nai dun fillo tamén asasinado; Josefa García Segret, esposa do mestre "paseado" Hipólito Gallego Camarero e autora de Abajo las dictaduras!!Isabel Ríos Lazcano, esposa do médico fusilado Manuel Calvelo e autora de Testimonio de la guerra civilMaría Miramontes Matos, costureira, empresaria e esposa do alcalde e editor paseado Ánxel CasalSyra Alonso Bruffau, esposa do pintor fusilado Francisco de Miguel e da que se publicaron os seus Diarios; as irmás Maruja, Luísa e Josefina González Cudeiro, fillas de pai "fusilado" en Ourense; Consuelo e Antonia Rodríguez López, de quen mataron os pais e catro irmáns, así como o compañeiro de Chelo ou Concha Nogueira Miguel, cuxos pais se suicidaron cando foron cercados no bou Eva.

Despois de vivir numerosas tribulacións durante a Guerra, puideron exiliarse tamén a activista Ascensión Concheiro García, coñecida como Choncha ComesañaGloria Pérez Corrales, esposa de Santiago Casares Quiroga, e a súa filla María Casares Pérez, que había de ser actriz, así como máis tarde Esther Casares Quiroga e Esther Varela Casares, respectivamente filla e neta do dirixente en cuestión; Rosina Otero Torres, esposa do republicano Elpidio Villaverde, e as súas fillas María Victoria e Rosina Villaverde Otero, a primeira delas autora de Tres tiempos y la esperanzaco apelido do seu marido, o escritor exiliado Ramón de Valenzuela; a mestra Amparo López Jean, esposa do republicano César Alvajar Diéguez, e as súas fillas María Amparo, Ana María e María Tersa Alvajar López (a primeira, polifacética intelectual, e a segunda, violinista e autora de Soltando lastre); a pintora vangardista Maruja Mallo; a cantante lírica María ValverdeCarmen Gómez Martínez, esposa do mestre represaliado de Magán (Cuntis), Xosé Viéitez de Soto, e a súa filla Ana Viéitez Gómez; a comunista Mercedes Núñez Targa, coñecida como Paquita Colomer, que ingresou na Resistencia francesa e que foi deportada ao campo nazi de Ravensbrück; as anarquistas Sebastiana Vitales Gascón e Joaquina Dorado Pita, así como compañeiras de significados exiliados como Virginia Pereira Renda, esposa de Castelao, ou Mercedes Pimentel, muller do xurista Manuel García Pelayo, e numerosas colaboradoras nas actividades culturais do exilio: a inspectora de ensino Carmen Muñoz Manzano, esposa do escritor Rafael DiesteMaría Elvira ou Maruxa Fernández López, esposa do pintor Luís Seoane, entre outras.

Malia as dificultades, as exiliadas lograron ir saíndo adiante e mesmo ás veces realizar un gran labor social e cultural, proseguido polas súas descendentes. O orgulloso símbolo do éxito das fillas do exilio en terra allea foi sen dúbida a actriz María Casares, nena galega que acabou converténdose nunha primeirísima actriz do teatro e do cinema en Francia. Era filla de de Santiago Casares Quiroga, quen fora Ministro e xefe de Goberno da República baixo a presidencia de Manuel Azaña.

Cando María Casares saíu para o exilio levou con ela algunhas das mellores cousas de Galicia, transmitidas pola profunda apertura liberal do seu pai e pola libre estirpe popular operaria da súa nai: o amor á liberdade e á cultura; a autoafirmación e a fortaleza das mulleres; a filoxinia dos mellores homes; e o gusto polo gozo alegre da vida natural. Con esta equipaxe vital privilexiada superou os males do exilio deleitándose na arte dramática que chegou a dominar con absoluta mestría e deleitándose na arte de vivir da que gozou con plenitude. E así, para un dos seus amores, o seu compañeiro Albert Camus, María foi o que ela era: a vida.

Mercedes Pimentel (primeira pola dereita)
Maruja Mallo
Mercedes Núñez Targa
María Miramontes Matos
María Casares en Yerma

Acosadas ata o suicidio

Ante o temor da tortura e dunha morte indigna, moitos antifascistas preferiron suicidarse antes que caer en mans do inimigo. O suicidio colectivo máis numeroso foi o protagonizado por nove fuxitivos que pretendían escapar no bou Eva, dende o porto de Vigo, o 23 de abril de 1937. Entre eles atopábase Carmen de Miguel Agra, nai moza de dúas fillas, que preferiu suicidarse co seu marido, Ángel Nogueira Nogueira, antes de ser apresada. 

 

Dous dos suicidas do bou Eva eran mestres e curmáns de Castelao: Manuel Rodríguez Castelao e Xosé Losada Castelao. E precisamente Castelao debuxou dúas estampas da época da guerra protagonizadas, respectivamente, por unha muller rapada e maltratada tras ser asasinado o home e por outra que prefire suicidarse a ser violada.

Ángel Nogueira e Carmen de Miguel Agra o día da súa voda
Conchita e Carmen Nogueira de Miguel ante a tumba de seus pais

Casas refuxio ata a morte

As mulleres dos barrios proletarios, como o das Atochas da Coruña, converteron con frecuencia as súas vivendas en casas refuxio para os fuxidos. Esta actividade foi particularmente importante na periferia proletaria de Vigo, en concreto en Teis e Lavadores, onde a resistencia antifascista foi máis intensa e onde pereceron varias mulleres a mans dos represores. 

Ángela Iglesias Rebollar, chamada A Protestante, foi "paseada", estando embarazada, co seu marido José García Niebla no Monte da Guía en 1937, tras o asalto da súa casa no barrio do Toural en Teis (Vigo). Os seus dous fillos foron separados para sempre, a súa vivenda saqueada e os seus bens queimados, incautándoselles unha máquina de coser.

Tamén as parentes Manuela Posada González e Matilde González Rodríguez, da Bouciña (Lavadores), foron baleadas nun masacre exemplarizante en 1937 xunto a numerosos familiares.

En Ourense, a familia González Cudeiro sufrirá unha brutal violencia e persecución por dar acubillo a "fuxidos", padecendo a morte do pai e diversos maltratos e encarceramentos dende 1936. As irmás Luísa e Josefina González Cudeiro coñecerán o cárcere durante a Guerra e durante a posguerra, así como tamén o exilio.

Había outro mozo tamén en fronte da nosa casa, que vivía alí, e tamén se meteu na nosa casa para que non o colle- ran, porque o perseguiron. Entón estiveron dende o día primeiro, dende o dezaoito de xullo, ate o día vinte e seis de marzo, estiveron escondidos, debaixo ... como se fose unha carboeira (...) Niso sae un bando de Franco, que toda persoa que tivera un escondido que non fora fillo ou unha cousa así, pois sería pasado polas armas. Fonte: Beatriz Graña Pérez, “Terror en Ourense. Declaracións de Josefina e Luísa González Cudeiro”, Unión libre, 9, Memoria Antifascista de Galicia, 2004.

Ángela Iglesias Rebollar, "A Protestante"

Violadas e "rapadas"

Moitas mulleres foron sometidas á agresión sexista co fin de castigalas a elas e as súas familias, aplicando os prexuízos patriarcais reaccionarios da deshonra sexual. O obxectivo era acalar e exterminar as mulleres contestatarias pola súa ideoloxía, con frecuencia utilizando o factor sexual da suposta humillación aniquiladora de toda resistencia, que tamén se aplicou a moitos homes.

Unha destas vítimas resultou ser Rosario Hernández Diéguez, chamada A Calesa, vendedora de xornais en Vigo, que foi secuestrada e asasinada en setembro de 1936, cando tiña dezaseis anos, e fondeada nas Illas Cíes.

Tamén houbo rapa de féminas por toda a xeografía de Galicia: Consuelo Alonso González en Monforte de Lemos, Anunciación Casado Atanes en Verín, Brígida Muñiz Suárez en Boiro ou Elsa Omil en Marín, que mesmo se retratou "rapada" para que quedase testemuño da agresión.

"A una prima mía, tenía quince años y la llevaron presa (...), le cortaron el pelo a rape, le pusieron uhp en la frente. Porque era hija de José -porque ella no se metiera en nada- la acusaron”. Fonte: Entrevista 2019, fondo Nomes e Voces, Terra e Memoria.

 

rapazas cultas que estaban estudando bacharelato, outras na escola (...), rapazas preparadas (...), liberais (...), por envexa das señoritangas (...), viñan todas co pelo cortado e detrás uns falanxistas do pobo (...) e paseábanas por todo o pobo. E eu tiña a miña avoa (...) (Filomena Iglesias), que era unha política de medo, (....) a miña avoa levántase e viña un cura de fronte (...) e dille a miña avoa: isto é unha vergoña (...), don Carlos isto é unha vergoña (...) Ao pouco rato veñen dous falanxistas a buscala e din: imos paseala polo pobo. E miña avoa: a min que me van levar...? Veñan cando queiran. Fonte: Entrevista 2047, fondo Nomes e Voces, Terra e Memoria

Elsa Omil
Peregrina Comesaña
Homenaxe a Anunciación Casado Atanes

Presas

Terrible foi a situación das numerosísimas mulleres que ingresaron no cárcere, como Mercedes Núñez Targa, tal como relatou en Cárcere de Ventas. Ás veces, a angustia acrecentábase por ter que deixar fillos pequenos ou familiares desvalidos. Un destes casos foi o da activista Urania Mella Serrano, filla do teórico anarquista e promotor do servizo de tranvías en Vigo, Ricardo Mella. Foi detida, en 1936, e condenada a pena de morte xunto ao seu marido, o socialista e directivo tranviario, Humberto Solleiro, quen foi fusilado deixando catro fillos. Tras longos anos de cárcere en Vigo e Saturrarán, estableceuse precariamente en Lugo, onde axiña faleceu en 1945. O principal apoio de Urania Mella no cárcere e tras a excarceración resultou ser María Purificación Gómez González, quen fora alcaldesa republicana da Cañiza e que finxira un embarazo para librarse da súa condena a morte. Non obstante, ambas amigas padeceron, como Isabel Ríos Lazcano e tantas outras, a terrible angustia da espera da morte ata que chegou o imprevisible indulto. 

Urania Mella

Guerrilleiras

A vitoria militar dos sublevados non puido impedir que ao longo da posguerra se producise en Galicia resistencia armada contra a ditadura. Nesta loita participaron tamén mulleres "guerrilleiras", enlaces e colaboradoras, moitas delas abatidas a tiros: Manuela Sánchez (cantada polo poeta Lorenzo Varela), Antonia Díaz PérezJosefa Escourido CoboAlpidia García Moral, Celia González Pernas, Carmen Jérez Rodríguez ou, Carmen Temprano Salorio, entre outras.

Algunhas foron detidas, torturadas e longamente encarceradas, como a comunista Enriqueta Otero Blanco, coñecida como María de los Dolores e Pasionaria Lucense, a quen se conmutou a pena de morte á que fora condenada, pola de décadas de prisión. Tamén foron condenadas María Blázquez Josefina González CudeiroFina, que convivían cos "guerrilleiros" José Gómez Gayoso e Antonio Seoane Sánchez, executados na Coruña en 1948 a garrote vil. Houbo mulleres que acompañaron aos "guerrilleiros" ata o último momento, como Ramona Curto CondalMirelle, que conviviu clandestinamente co último "guerrilleiro" da posguerra, José Castro Veiga, O Piloto, ata o abatemento deste en 1965, no contorno do embalse do Belesar, en San Fiz (Chantada).

A miúdo existiron núcleos familiares de apoio e combate "guerrilleiro" do que formaron parte mulleres, como Consuelo Alba Digón e as súas fillas Domitila e Florinda Gutiérrez Alba, de Cervantes (Lugo); as irmás Antonia e Consuelo Rodríguez López, de Soulecín (O Barco de Valdeorras), ou as tamén irmás Clementina, Josefina e María Remedios Gallego Abeledo, de Mugardos, que colaboraron coa castigada familia "guerrilleira" Freire Barcia, da Cernada. A última das mencionadas, chamada Marita, chegou a ser comisaria política dun destacamento da IV Agrupación do Exército Guerrilleiro. 

Josefina González Cudeiro (primeira pola dereita)
Enriqueta Otero
Concha Abad recibindo a noticia da execución da súa parella en 1948
Marita Gallego

Nais, viúvas e orfas

Mención especial merece o sufrimento que houberon de soportar as miles de vítimas femininas colaterais, é dicir, as nais, as viúvas e as orfas dos asasinados. Marcadas socialmente polo seu parentesco e a miúdo arruinadas economicamente pola incautación de bens e a falta do sostén da familia, tiveron que padecer en silencio as súas traxedias, ás veces en completa soidade. Non é de estrañar que moitas delas toleasen de dor, como Antonia Pardo Méndez, viúva do artista Camilo Díaz Baliño e nai do polifacético Isaac Díaz Pardo.

Afrontar a dor sen dó foi o destino das viúvas de asasinados, como a muller do alcalde de Ferrol Xaime QuintanillaÁnxela Ulla Franqueira; a do xornalista Roberto Blanco TorresXulia Sánchez Nóvoa; a do doutor Rafael de Vega BarreraTeresa Fernández Crespo; a do practicante Perfecto Abelairas, mestra coñecida como Sara A Picarreta; a do proletario Francisco Ballón PequeñoSebastiana Vitales Gascón. Emblema desa lealdade inextinguible é a fotografía de Cinta Rey, que quixo ser retratada por Amalia Álvarez Gallego (viúva de Alexandre Bóveda), ante unha árbore da fraga da Caeira (Poio), onde fora fusilado o seu fillo Víctor Casas o 12 de novembro de 1936. 

Ademais, algunhas delas foron convertidas en reféns, pois lles impedíaselles saír de España para neutralizar os seus seres queridos no exilio. Tal foi o caso de Esther Casares Quiroga e a súa filla Esther Varela Casares, retidas durante dezanove anos só polo feito de seren filla e neta do dirixente republicano Santiago Casares Quiroga, e aprisionadas en Galicia para chantaxear os que as amaban. 

 

Eusebia Pampillón
Sebastiana Vitales Gascón
Cecilia Comesaña
Palmira Otero

Gravados de Sara Lamas

A artista luguesa Sara Lamas realizou unha serie de gravados que ilustraron a exposición "Vermellas" e mais o libro de Claudio Rodríguez Fer editado por Xerais "Amote Vermella". 

A represión sobre a muller (1936-1939): Tipoloxías e cualificación

"Represión" con resultado de morte

Tipo de asasinato Número de vítimas
Morte "extraxudicial (ME) 72
Pena de morte executada (PE) 8
Total 80

"Represión" sen resultado de morte

Tipos de sucesos Número de vítimas
Sentenzas a prisión (SP) 115
Procesadas sen condena (PC) 200
Total 315

A muller nas causas militares: ditames e sentenzas

Tipo de sentenza Número de mulleres
Pena de morte executada (PE) 8
Sentenza a pena de morte conmutada 6
Sentenza a cadea perpetua (CP) 21
Sentenzas a prisión inferiores a cadea perpetua (ICP) 88
Absolución (A) 48
Declaración en rebeldía (DR) 21
Sobresemento (S) 131
Total 323

Mulleres mortas: cronoloxía

Anos %
1936 54.5
1937 30.9
1938 7.3
1939 7.3

Mulleres procesadas: cronoloxía

Anos %
1936 32.8
1937 39.1
1938 17.8
1939 10.3

Perfil da muller "represaliada"

Idade

Tramos de idade %
11-23 29.6
24-35 32.4
36-50 23.9
51-65 12.6
66-74 1.5

Profesión

Profesións %
Traballo na casa (1) 41.3
Labregas (2) 21.5
Operarias (3) 14.4
Asistentas (4) 3
Empregadas (5) 1.7
Pequenas comerciantes e industriais (6) 10.4
Funcionarias (7) 3.7
Outras (8) 4

Músicas na memoria

No ano 2007 o anfiteatro do Parque Rosalía de Castro de Lugo acollía por primeira vez o ciclo Entre Lusco e Fusco nun concerto moi especial chamado NA MEMORIA. Interviron ao solpor os grupos lucenses e universitarios GrexBasi de Isla BikiniSnail e Iván e Josito

A memoria é fundamental para vivir o presente e as lembranzas, polo que o coñecemento do pasado serve para seguir camiñando cara a diante. Estes grupos puxeron a súa creatividade a disposición aportando un grao de area neste camiño. 

As cancións do concerto quedaron recollidas no CD "Na Memoria", que se pode adquirir na Vicerreitoría de Cultura da USC.

Información e créditos

A exposición foi organizada e financiada por Lugo Cultural, un convenio entre Concello de Lugo, Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, Xunta de Galicia, Fundación Caixa Galicia e USC xestionado pola Vicerreitoría de Cultura.

O Proxecto expositivo contou con documentación literaria autoría de Claudio Rodríguez Fer e Carmen Blanco, ademais de fotografías e material audiovisual procedente do Proxecto de Investigación Interuniversitario “Nomes e voces” dirixido polo catedrático en Historia Contemporánea na USC Lourenzo Fernandez Prieto e financiado pola Consellaría de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, que se encargou do asesoramento histórico do mesmo, aportando diferentes gráficas e un mapa no que poder pescudar a represión exercida ás mulleres durante a represión franquista. Así mesmo, o Proxecto proporcionou unha listaxe de nomes das vítimas da bisbarra de Lugo procedentes dos resultados da investigación que o equipo leva desenvolvendo desde o 2006. 

Ademais da mostra en sala, o programa “Vermellas” contou con diferentes encontros relacionados coa temática da represión, celebrando diferentes conferencias nas que participaron a profesora de Historia Contemporánea e coordinadora do Proxecto de Investigación “Nomes e Voces” Chus Souto, a profesora de literatura galega Carmen Blanco e os investigadores Antonio Somoza Cayado e Gustavo Hervella García, que presentaron os datos da represión en Galicia, atendendo de xeito especial á represión de xénero tras o golpe de Estado. Outro acto foi o recitado e presentación do poemario “Ámote vermella” de Claudio Rodríguez Fer.

A responsabilidade do proxecto expositivo recaeu nos grupos de traballo formados por: Claudio Rodríguez Fer, Carmen Blanco, Andrés Domínguez Almansa, Gustavo Hervella García, Chus Martínez Domínguez, Antonio Somoza Cayado e o Proxecto de Investigación Interuniversitario "Nomes e Voces" e o equipo da Vicerreitoría de Cultura.

Así mesmo, músicos novos galegos colaboraron coas súas interpretacións na gravación dun CD dedicado ás vítimas da represión franquista: Grex, Snail, Isla Bikini, Iván e Josito.

Os gravados de Sara Lamas proceden do libro de Claudio Rodríguez Fer Ámote vermella, Vigo, Edicións Xerais de Galicia, 2009, ISBN: 978-84-9782-953-3.