Ir ao contido principal

"Historia e memoria do golpe de Estado de 1936 en Santiago de Compostela. 80 anos"

Presentación

A exposición pretende amosar por medio dun novo relato do Golpe e da guerra civil, como a cidade de Santiago de Compostela pasou a ser nos anos trinta “unha cidade na que as rúas se comparten” a un espazo de violencia e persecución. Trátase dun intento de dar a coñecer á cidadanía e de divulgar a actividade académica ao redor dunhas investigacións e debates que desmontan moitos tópicos sobre a República o Golpe militar e a ditadura franquista.

A exposición tivo moito éxito entre a cidadanía, acadando cifras de visitantes por encima das 1.500 persoas, feito que motivou a ampliación da mostra 15 días máis

Exposición e difusión

Do 7 ao 25 de setembro de 2016 (posteriormente, ampliouse ata o 9 de outubro); na sede da Fundación Eugenio Granell co seguinte horario:

Martes a venres: 11.40 a 14.00 e 16.00 a 20.00 h.

sábado: 12.00 a 14.00 e 17.00 a 20.00 h.

Luns, domingos e festivos: Pechado.

Máis alá deste tempo que estivo a disposición da cidadanía, a vida da exposición foi moito máis alá grazas á itinerante viaxe que fixo, posteriormente, por diversos centros educativos galegos:

IES Xelmirez II de Santiago de Compostela (do 20 de febreiro ao 20 de marzo de 2019)

IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela (do 28 de marzo ao 12 de abril de 2019)

CPI Cabo da Area de Laxe (do 2 ao 30 de maio de 2019)

IES Eduardo Pondal de Santiago de Compostela (do 5 ao 21 de xuño de 2019)

IES Félix Muriel de Rianxo (do 1 ao 15 de outubro de 2019)

IES Aller Ulloa de Lalín (do 20 de outubro ao 5 de novembro de 2019)

Asociación Cultural Afonso Eanes da Baña (do 15 de agosto ao 31 de setembro de 2020)

No primeiro semestre de 2020 estaban programadas inauguracións no IES Maximino Romero de Lema de Baio-Zas e no IES Pontepedriña de Santiago de Compostela, que tiveron que ser suspendidas por causa da COVID-19.

Segundo os propios testemuños dos centros, a importancia da presenza da exposición radica en que lle permitiu aos departamentos de Xeografía e Historia traballar coas fontes históricas que se lles ofrecían. Na maioría dos centros (segundo a dispoñibilidade) localizouse a mostra en espazos de fácil acceso que lles permitise unha maior interacción coa mesma. Ademais, permitiulle ao equipo docente organizar visitas guiadas co seu alumnado e traballar o tema dende perspectivas transversais. En función do calendario, tamén serviu como un anticipo ou un repaso dos contidos traballados na aula, algo moi valioso tendo en conta o pouco espazo que se lle dedica ao tema nos curriculums dalgúns cursos como os da educación secundaria obrigatoria.

Triscos da exposición

Vídeo-documental

Tamén formou parte da exposición un vídeo no que se explica como, en poucos días, Santiago pasou de ser unha cidade en plenas festas do Apóstolo, na que aínda se festexaba o estatuto de autonomía de Galicia, ao triunfo do golpe de Estado. As rúas da cidade pasaron de ser un espazo de convivencia e pluralidade democrática, a converterse no escenario do medo e da persecución. A forma de facelo é por medio dun novo relato elaborado tras 80 anos dun pasado incómodo, dende a Historia e marcado pola memoria.

No documental podemos apreciar que tipo de urbe era a Compostela da década dos anos trinta, dende a República ata o Golpe. Así, “facendo o que nunca se fixo” podemos observar como Santiago se converte nunha cidade de Cruzada e o inicio da actividade das milicias de Falange, requetés e das JAP.

Congreso e publicacións

A 80 anos do golpe militar que derivou nunha guerra que precede á conflagración mundial e remata coa instauración por parte dos vencedores de catro décadas de ditadura; a 40 anos da morte do Ditador e da liquidación do réxime ditatorial que saíu da guerra, o Congreso xurdiu da necesidade de sentar as bases para unha reconceptualización da memoria e da historia sobre o golpe, a guerra e a ditadura. Preténdeuse valorar e analizar unha nova codificación que xa leva un tempo a desenvolverse e confrontala cuns relatos herdados que perviven, malia que con evidentes síntomas de esgotamento.

Deste xeito, historiografía e estudos literarios, dous ámbitos de coñecemento que se ocupan da Memoria, pretenderon dialogar neste foro que se concibe como unha ocasión idónea para presentar e discutir, dende distintos enfoques, as visións e interpretacións que a sociedade española actual manexa dun pasado incómodo e a dimensión ética do seu coñecemento, pero tamén para debater sobre a necesidade dun novo relato sobre ese pasado e mais sobre os elementos dispoñibles para construílo.

Tratouse de analizar ese relato herdado, baseado na idea de reconciliación da Transición pero construído sobre as razóns dos combatentes no conflito, as memorias fragmentadas de vítimas e verdugos, a propaganda do vencedor e a amargura do perdedor. Tamén, de contrastalo e deconstruílo, de confrontalo con outras memorias -subalternas en relación ao relato social dominante-, e co novo caudal de coñecemento histórico e memorialístico, así como cos novos paradigmas que operan nos estudos literarios e culturais. A 80 anos do golpe, a 40 desta nosa democracia de hoxe. Servíndonos da ollada externa e a comparanza, e afrontando a dimensión ética do coñecemento do pasado.

Ligazóns de interese

Tal e como sinala Antonio Míguez, a exposición recolle tamén, unha cartografía social e política do Santiago posterior ao golpe de Estado. En contraste coa Compostela republicana, tras o Golpe, desaparece a pluralidade previa e atopamos unha paisaxe de entidades que traballan pola mobilización en favor dos golpistas, unha Compostela de cruzada, unha retagarda da guerra civil.

Vemos, por exemplo, que Falange Española, que ata 1936 era unha entidade moi pequena, instalada en Santiago en 1935 e que ocupaba un pequeno local na casa dun dos seus fundadores, na rúa de san Pedro, pasa a ocupar un local na Praza de Praterías.

A nivel de persoas, o cambio é moi significativo. Todas aquelas persoas que teñen un posto de responsabilidade pública, no senso máis amplo que poidamos imaxinar, dende políticos a calquera que poida ter un papel representativo nunha entidade de todo tipo, pasa a estar sometida a un proceso de depuración que os leva a abandonar eses cargos e, en moitos casos, á morte.

Temos tamén as listas de asasinados a través dos procesos militares iniciados en xullo de 1936 ou, directamente, paseados. É importante o medo, tamén. O que prima é a persecución, a ameaza, o imperio dunha nova lei, que é a lei da vontade dos golpistas.

Créditos

Comisariado: Lourenzo Fernández Prieto, Gustavo Hervella García, Alfonso Mato Domínguez, Antonio Miguez Macho, Dolores Vilavedra Fernández

Produción: HISTAGRA-USC, Concello de Santiago de Compostela

Deseño: Tórculo

Deseño cartel e folleto: Iñaki López. RuralC

Audiovisual: Sumo Comunicación