"Deconstruír o franquismo"
Presentación
Trátase dunha exposición itinerante que acolleu a cidade de Santiago de Compostela entre o 23 de xaneiro e o 6 de febreiro de 2020. Foi entendida como un espazo de reflexión e simboloxía da ditadura que se presentou en cinco etapas, desde a PERSISTENCIA do franquismo ás AUSENCIAS de memoria. O traxecto descóbrenos as VELADURAS do franquismo retirado pero recuperable, as AMNESIAS que debuxan unha auténtica cartografía do terror e as EXPROPIACIÓNS de significado de lugares e símbolos.
Na exposición podemos apreciar reproducións fotográficas de espazos e simboloxía franquista que perduran na actualidade ou que foron esquecidos pola cidadanía de Santiago de Compostela. Ademais, ofrécenos unha cartografía interactiva que trae ao espazo público os lugares de morte e os de enterramento (fosas) en Galicia durante a guerra civil.
Este proxecto expositivo tivo como principais metas, a promoción da reflexión sobre as políticas públicas da memoria sobre a simboloxía franquista. Un período que se apuntala por medio dun golpe de Estado e unha posterior guerra civil que deixou en Galicia, a pesar de ser unha zona de retagarda tempera, miles de vítimas e de mortos.
Lugar e tempo de exposición
Foi inaugurada o 23 de xaneiro, ás 12 horas, e acudiron membros do equipo de goberno local e os voceiros dos grupos municipais do PP, de Compostela Aberta e do BNG.
Estivo localizada no paseo Central da Alameda, s/n, en Santiago de Compostela
De luns a venres: De 12 a 14 horas e de 17 a 19 horas
Sábado e Domingo: De 12 a 14 horas
Exposición
Roteiro
Tivo lugar o 1 de febreiro, ás 11h
Foi organizado por Rexenerando S. Coop. Galega. info@rexenerando.com //rexenerando.com
O eixe argumental do roteiro xirou ao redor de interrogantes como os seguintes, que xestión se fixo a nivel local dos vestixios da Guerra do 36 e do franquismo? Cales son os retos pendentes no eido da memoria histórica da nosa cidade? Que podemos facer como cidadáns? Nesta liña, Ola Romasanta, a nosa guía, dirixiu a visita dalgúns espazos significativos para a memoria da cidade tomando como referencia os cinco grandes conceptos que vertebran a exposición: persistencia, amnesia, ausencia, expropiación e veladuras. O percorrido tivo unha duracción aproximada de 2 horas e pasou por diferentes lugares como a praza da Quintana, o pazo de Raxoi, o bar Caña Hueca, a praza de Galicia, a praza Roxa ou o monumento As Marías.
O eco social
A exposición saiu en prensa e recibiu máis de 1.600 visitas no horario de atención ao público durante os 15 días que permaneceu na Alameda. Entre as sensacións que provocou na xente e os comentarios dos visitantes, destacan os seguintes:
- As caras de sorpresa de dúas xóvenes ao ver as cifras de vítimas executadas
- Xente que comenta as súas historias persoais ou que recorda o que contaban familiares ao ver as imaxes e o mapa
- Adolescentes que se achegan, sacan o selfie dende fóra e marchan
- Adolescentes soprendidos de atopar Ortoño no mapa de vítimas
- "E aínda a estas alturas está todo cheo de caralladas (placas, cadros e símbolos franquistas) e algúns aínda son fillos prediletos, que manda carallo"
- "Ya podían tener todo quitado (referíndose á simboloxía franquista)"
- "Pero no ponen ahí los 400 muertos de ETA"
- "Esta exposición está de puta madre"
- "É curioso que esté en alemán (non está en alemán)"
- "Eu non sei se toda a culpa foi de Franco, pero el foi o que mandaba"
- "Ides traer a Franco de novo? A min xa me chegou bastante"
- "Isto non o sabía eu" (xente que identificou lugares e espazos presentes na súa vida cotiá)
- "Hay que contar también las verdades, no sólo las mentiras"
Créditos
Idea orixinal: Jordi Guixé, Núria Ricart
Comisariado: Lourenzo Fernández Prieto, Antonio Miguez Macho
Coordinación e Documentación: Gustavo Hervella García, Grupo HISTAGRA
Organización: Grupo HISTAGRA-USC, Observatorio Europeo de Memorias de la Fundación Solidaridad UB (EUROM), Arte Público y Memoria (Proyecto de investigación HAR-2017-84322-P)
Produción: Proyecto de Investigación: Actitudes sociales en contextos de violencia estatal masiva: procesos de adaptación y resiliencia en la retaguardia de la Guerra Civil española (Galicia, 1936-1939)(HAR2016-80359-P), Dos lugares da violencia aos lugares da memoria: actitudes sociais nos espazos de reclusión, execución e enterramento durante o Golpe, a Guerra Civil e o franquismo en perspectiva comparada (ED431F 2017/11)
Colaboración: Departamento de Historia Facultade de Xeografía e Historia de la Universidade de Santiago de Compostela, Rexenerando S. Coop. Galega, Concello de Santiago de Compostela
Soporte: Ayuntamiento de Barcelona Co financiado por el programa Europe for Citizens de la Comisión Europea
Persoal encargado da atención ao público: investigadores en formación do grupo HISTAGRA, Xabier Buxeiro, Aldara Cidrás, Rafael García, Conchi López, Jessica Nogueira e Telmo Otero