Ir ao contido principal

Lugares de memoria do Golpe de 1936, da Ditadura franquista e da Resistencia (Galicia, 1936-1952)

Presentación

Trátase dun proxecto de investigación financiado pola Secretaría de Estado de Memoria Democrática. Ministerio de Presidencia, Relaciones con las Cortes y Memoria Democrática. Gobierno de España-2022. O investigador principal foi Antonio Miguez Macho e o equipo de investigación estivo formado por Alba Garrido Fernández,  Jessica Nogueira Castro, Aurora Artiaga Rego, Ana Cabana Iglesia, Daniel Lanero Táboas e Lourenzo Fernández Prieto.

O título orixinal, “Definición, cartografía e proposta de intervención sobre os lugares de memoria do Golpe de 1936, a Ditadura franquista e a Resistencia (Galicia, 1936-1952)”, recolle as súas actuacións centrais, recoñecer aqueles espazos esquecidos relacionados coas prácticas de violencia e persecución asociadas ao Golpe de 1936, ás políticas da Ditadura ou a Resistencia. Ponse o foco nos espazos da violencia e as súas diversas manifestacións, con especial atención aos lugares de execución, enterramento e enfrontamento/resistencia. O proxecto benefíciase dos case vinte anos de investigación previa desenvolta por parte do grupo HISTAGRA e, en particular, no que se refire ao proxecto Nomes e Voces.

Chozo escavado en Xestil do Samargal. Fonte: Sputnik Labrego

Metodoloxía e obxectivos

O proxecto comezou as súas actuacións cunha revisión dos datos dispoñibles. Realizouse unha actualización da base de datos de Nomes e Voces sobre a información referida aos lugares da violencia. En combinación cos datos do proxecto “Plan Cuadrienal de Memoria Democrática, 2021-2024” permitiron incorporar un mapa de fosas moito máis completo.

Categorizaronse os casos que dentro da base de datos de Nomes e Voces puidesen ser considerados resistentes pola súa actitude ante o Golpe de 1936, como paso principal para definir unha base teórica e metodolóxica que dera forma á investigación sobre a Resistencia no territorio galego. Para levalo a cabo, tamén se empregou documentación complementaria procedente das causas militares (Arquivo Intermedio Militar Noroeste, Ferrol), Arquivo Xeral da Administración e outros fondos de carácter estatal, así como tamén bibliografía local, para investigar a traxectoria da vítima e a razón da súa persecución.

Os principais obxectivos foron:

  1. Identificar e cartografiar os lugares asociados á violencia, con especial atención a aqueles con descoñecido/esquecido valor dende o punto de vista da Resistencia.
  2. Incorporar o suceso da resistencia ás categorías de sucesos da violencia manexados e mellorar a definición dos “paseos”
  3. Dar conta da actividade dos “fuxidos” e da loita guerrilleira
  4. Realizar un mapa dos lugares asociado a unha base de datos
  5. Deseñar un procedemento e protocolo para acordar intervencións no marco das políticas públicas de memoria: sinalizar, resignificar, musealizar ou mesmo a non intervención
Fonte: Archivo Intermedio Militar del Noroeste

Resultados

Con cada unha das vítimas analizadas elaboráronse dúas fichas, unha onde se reflectían tanto os datos do episodio de Resistencia co que se relacionaba, outra que reflectía os datos persoais da persoa implicada. A partir dos datos extraídos levouse a cabo tamén a realización dun mapa de Galicia en QGIS no que se sinalan os lugares considerados protagonistas de episodios de Resistencia ao Golpe.

Tanto as fichas realizadas coma o mapa pretenden ser o xerme dunha investigación máis ampla sobre aqueles que empregaron diferentes estratexias para non seguir as normas que marcaba o poder a partir de xullo de 1936, nun territorio no que se considerou tradicionalmente o triunfo do Golpe sen Resistencia nin guerra.