Ir ao contido principal

A violencia contra as mulleres: Golpe, Guerra e Ditadura en Galicia

Introdución

Esta investigación levouse a cabo grazas á concesión dunha subvención á investigación do Ministerio de Presidencia do Goberno de España, segundo a convocatoria do BOE nº 83 do 7 de abril de 2011. Posteriormente, os resultados foron publicados en 2013: Julio Prada (ed), Franquismo y represión de género en Galicia, Madrid: Los libros de Catarata, 2013.

Execucións "extraxudiciais"

O estudo pretendeu investigar a violencia exercida contra as mulleres galegas na Guerra e a súa participación na resistencia antifranquista desde o final da confrontación armada ata a desaparición da loita "guerrilleira".

Tamén se analizaron os supostos delitos dos que foron acusadas por parte das autoridades golpistas e se intentou dar resposta ás seguintes cuestións clave: o sexo pode ser considerado unha variable á hora de aplicar e modular a violencia levada a cabo polos rebeldes? É dicir, a igualdade de conduta punible, polo feito de ser muller, aplícase unha penalidade diferente á que se imporía a un home?

 

A muller na defensa da República

A presenza da muller na vida política republicana discorreu máis discretamente que a dos homes, cuns reducidos niveis de participación política e social, a pesar dos avances que supuxo a experiencia republicana. Aínda así, houbo mulleres sancionadas tras o golpe de Estado por actos de auxilio a "fuxidos" ou de "ofensa" ou "inxurias" ás forzas de orde. Moitas das acusadas por estes motivos acabaron en execucións "extraxudiciais".

Alentar a «revoltosos», transportar armas, municións, alimentos, novas, servir de enlaces, actuar como enfermeiras, participar nalgunhas requisas e contadísimos saqueos, confeccionar brazaletes para identificar aos milicianos, estar presentes no intre en que se cortaban estradas, etc.

Estas foron algunhas das funcións desempeñadas polas mulleres na resistencia na Coruña, Ferrol, Mugardos, Betanzos, Negreira, Ribadeo, Ourense, Vigo e outros lugares da xeografía galega e, incluso, noutras zonas da retagarda da Guerra.

Por agochar a un "fuxido" buscado polos tribunais de guerra foi executada Erundina Álvarez Pérez en Ourense; por un cúmulo de acusacións inconexas foi condenada a morte Consuelo Alonso González en Lugo; Amada García Rodríguez foi executada en Ferrol polos seus antecedentes "extremistas" e así, un sinfín de exemplos máis que están recollidos na base de datos do noso proxecto.

O elemento fundamental que explicaba a reducida presenza da muller como vítima correspondíase coa escasa participación pública durante a etapa republicana en Galicia, tanto dende o punto de vista da militancia activa en organizacións políticas de sino esquerdista, como no desempeño de cargos públicos de elección. Esta menor presenza no ámbito público é tamén evidente na esporádica participación nos episodios de resistencia no territorio galego e, aínda así, un 17% do total de vítimas morreu en tales circunstancias.

Violencia e xénero

A variable de xénero non se considereu susceptible de ser illada doutras que interveñen no proceso violento, xa que aínda que os cargos e as circunstancias sexan parellas, tanto para un home como para unha muller, o castigo imposto non foi sempre coincidente. Isto non é óbice para establecer unha serie de pautas que permitan afirmar que o xénero é unha variable que debe ser considerada á hora de analizar dito proceso; e de feito, os mesmos represores manifestaron en repetidas ocasións que as súas decisións, con relación ás mulleres, están inspiradas en non poucos casos polas "circunstancias propias de su sexo". Por outra banda, existen abundantes exemplos nos que ser home ou muller non semella ter influído na imposición da condena aplicándose idéntica sanción a ambos.

Determinada "especificidade feminina" xogou ás veces a favor é outras á contra da muller á hora de establecer a pena. Así, existen casos —aínda que en conxunto menos abundantes—, onde as representacións das mulleres levaron consigo a imposición dunha penalidade agravada, xa que nestes supostos quíxose ver nelas a elementos hábiles para "secuestrar la voluntad de sus maridos, dominantes en sus hogares, propagandistas eficaces de doctrinas desintegradoras, fanáticas susceptibles de tener aterrorizados a sus vecinos, incitadoras a la rebeldía, cabecillas de acciones disolventes, entusiastas revolucionarias dispuestas a pasar a cuchillo a las gentes de orden, degeneradas peligrosas para el Movimiento". Pola contra, outras veces, ser nai, esposa ou "una simple mujer" exonerounas dunha pena segura.

En Galicia, hai abundantes exemplos que certifican o diferente trato que os tribunais militares dispensaron a homes e mulleres. Nalgúns casos debido aos perxuizos xa relatados, noutros, como consecuencia de sublimar a súa condición de nais ou fillas das que dependía o sustento familiar, xustificaron un tratamento máis benigno.

Por outra banda, resulta difícil extrapolar un perfil de muller executada en Galicia. Si utilizamos un criterio restritivo, en canto ao procedemento sumarial, deberiamos limitar o número de fusiladas a dous e o único nexo en común entre elas sería o de desempeñar certa actividade política durante a etapa republicana. O mesmo podemos sinalar para as mulleres asasinadas "extraxudicialmente".

Urania Mella e María Gómez (alcaldesa da Cañiza en 1936)
Mercedes Romero Abella
Josefa Barreiro González
Evangelina Jaso González

Muller e morte "extraxudicial"

Tipoloxía das mortes "extraxudiciais en Galicia (1936-1939) %
Vítimas de refriegas nos primeiros días do Golpe (1) 18,75
Vítimas de operacións de castigos e "limpeza" (2) 15,63
Orden militar sen causa (3) 7,81
Orden militar sen causa con modus operandi de "paseos" (4) 4,69
Orden militar sen causa, sumarísimo ou "paseo" (5) 10,94
"Paseadas" (6) 42,19

Destacaba a porcentaxe de mulleres que pereceron nas refregas ocorridas durante as primeiras xornadas da sublevación, ao estar domiciliadas nalgunha das cidades nas que se opuxo unha resistencia ao Golpe. Ademais, tamén foi significativo o número de mulleres —dez— que morreron en operacións de castigo e "limpeza".

As quince execucións "extraxudiciais" por orde militar dan cabida a realidades diferentes. Por unha banda, están os sete asasinatos nos que non resulta fácil discernir se as autoridades quixeron mesturar a aplicación dos bandos de guerra coas prácticas propias dos "paseos", ou si decidiron acabar coas súas vidas mediante unha modalidade "extranormativa" sen consideración algunha a outro tipo de circunstancias.

Respecto ás mulleres que figuraban como "paseadas" —vintesete— entre 1936 e 1939, resulta practicamente imposible profundar nos seus itinerarios vitais, pois as circunstancias exactas da morte dunha parte significativa delas, resúltanos aínda descoñecidas. Aínda así, podemos afirmar que é maior o número de mulleres maduras, traballadoras no sector primario e as que constan como dedicadas a tarefas do fogar. Pola súa especial relevancia, habería que mencionar a dúas mestras "paseadas" e a unha funcionaria, esposa, ademais, do gobernador civil republicano da Coruña fusilado polos rebeldes.

As mulleres "paseadas" que destacaron pola súa actividade política na República ou tiveron un papel relevante na resistencia ao golpe non chegan ao 30%, e a protección a elementos "fuxidos" buscados polas autoridades semella foi a causa do asasinato de algo menos da quinta parte dos casos

Muller e "fuxidos"

Os tres fusilamentos de Montecubeiro (Castroverde, Lugo) relacionados cos "fuxidos", presentan un modus operandi singular: datas diferentes e orde militar directa, pero cunha dinámica máis propia dos "paseos". Os tres gardan, más alá dos aspectos formais, evidentes paralelismos coas cinco execucións sen formación de causa (catro da provincia de Ourense e unha de Pontevedra): aldeas de marcado carácter rural, problemática dos fuxidos e mulleres con algún tipo de relación familiar ou de amizade con eles. As diferenzas formais non van más alá de que os fusilamentos sexan decretados e executados polos responsables das patrullas ou "brigadilla" ou polas autoridades militares e que se leven a cabo no lugar de residencia das implicadas ou na capital provincial, previo paso por un centro de reclusión. Na maioría dos casos non consta unha actividade política ou social anterior das vítimas.

Por outra banda, para 21 mulleres asasinadas, o decisivo foi a súa actividade solidaria con elementos "escapados" ao seren familiares directos ou manter compromisos de veciñanza e  en menor caso, por compromiso ou simpatía militante. A violenci contra as mulleres que non tiveron protagonismo político pero que perderon igualmente a vida  foi debido fundamentalmente por proporcionar refuxio, alimento, vestido e seguridade, tanto a homes que se agocharon durante a primeira fase da violencia, como aos que desertaron da Guerra, como os que decidiron enfrontarse ao réxime franquista formando parte das partidas guerrilleiras.

Fonte: El Progreso

Conclusións

As asasinadas foron, polo xeral, ás que daban a imaxe de transgresoras, as que non encaixaban no prototipo de muller tradicional consagrada a unha vida de "abnegación e sacrificio". E esas foron as primeiras en caer. Había, tamén, unha función marcadamente exemplarizante destinada a fixar os límites do que era e o que non era tolerable para una muller na nova orde franquista.  

As particulares concepcións dos golpistas sobre a muller funcionaron ás veces en sentido contraditorio: unhas responsabilizándoas da inoculación do virus marxista en toda a sociedade e outras negándolles a capacidade de pensar de forma autónoma. No discurso androcéntrico dos sumarios militares podemos encontrar abundantes exemplos do primeiro, pero son máis numerosos aqueles que insisten en negar a posibilidade de que as mulleres tivesen capacidade para desenvolver unha conciencia política independente do homes da casa, ben fose o marido, o pai ou o irmán.

Tamén, foi perfectamente observable un dimorfismo de sexo nas sancións —maiores penas para os varóns acusados de idénticos actos— que certificou que á hora de esixir responsabilidades, mulleres e homes non foron representados coa mesma perigrosidade.

Respecto ao perfil de muller vítima, o esencial non reside en cuestións de idade, estado civil ou extracción socioprofesional. O verdadeiramente significativo está na determinación dos móbiles e do contexto que conduce ao asasinato: a participación ou non nos grandes debates sociopolíticos do seu tempo.