Ir ao contido principal

Informe de investigación: Aproximación á xeografía da represión en Galicia, enterramentos das vítimas, 1936-1939"

Introdución

Co traballo realizado, levouse a cabo a sistematización da información relativa aos enterramentos derivados da violencia golpista e franquista en Galicia no periodo 1936-1939. Posteriormente procedeuse a incorporala a unha cartografía virtual albergada hoxe no seguite apartado da web.

Un dos obxectivos principais da investigación foi establecer a xeografía da violencia franquista en Galcia, documentando os enterramentos en campo aberto e en cementerios. Grazas ás investigacións desenvoltas no Proxecto "Nomes e Voces" e rexistradas na súa base de datos, puidemos realizar varios mapas temáticos onde se sinalan as diferentes tipoloxías de enterramentos, consecuencia da violencia golpista. Esta foi a primeira vez que se realizaba dun xeito sistematico para o territorio galego este tipo de estudo, partindo de fontes documentais primarias: rexistros civís de defuncións, causas militares, libros de cárcere e cementerio e fonte oral. Fixéronse listados e fichas de enterramentos que se volcaron na base de datos para facilitar a consulta á cidadanía.

Esta investigación foi levada a cabo polo persoal investigador do proxecto "Nomes e Voces" formado por: Lourenzo Fernández Prieto (catedrático de Historia Contemporánea na USC), Emilio Grandío Seoane (doutor en Historia), Julio Prada Rodríguez (doutor en Historia Contemporánea), Dionisio Pereira González (licenciado en Ciencias Económicas e historiador); Xosé Manuel Núñez Seixas (catedrático de Historia Contemporánea na USC), Andrés Domínguez Almansa (doutor en Historia Contemporánea) e os licenciados en Historia, Xurxo Pantaleón, Gustavo Hervella e a licenciada en Historia da Arte e Especialista Universitaria en Arquivística pola UNED, María Jesús Martínez Domínguez.

Metodoloxía

O territorio sobre o que se dirixiu o presente estudo é a comunidade autónoma de Galicia e a cronoloxía na que se circunscribe é 1936-1939.

Para a elaboración das fichas, mapas e listados referentes aos lugares de enterramento establecéronse as seguintes categorías:

1. Fosas en Campo Aberto:

1.1. Fosas en campo aberto intervidas (escavadas/inhumadas)

1.2. Fosas en campo aberto non intervidas con información fiable

A metodoloxía referente ao estudo deste tipo de fosas consistíu na elaboración dun modelo de fichas para ambos casos. Achegouse documentación individual de cada fosa en función da base de datos do proxecto e outras fontes diversas, sen esquecer a representación gráfica. Tamén se achega información individual das persoas enterradas.

2. Enterramentos en cemiterios

2.1. Enterramentos de persoas que sufriron a violencia en recintos funerarios

2.2. Fosas comúns intervidas (escavadas/inhumadas)

2.3. Fosas comúns non intervidas con información fiable

Para a categoría 2.1. tamén se construíu un Acces con información individual e listo para estandarizar a denominación dos enterramentos, para agrupalos e contabilizalos. Tamén se elaborou unha exhaustiva relación de lugares de enterramento en cemiterios cuantificados.

Por último, levouse a cabo a elaboración de fichas para fosas comúns en cemiterios intervidas ou non intervidas con información fiable, documentación individual de cada fosa en función da base de datos do proxecto e outras fontes. Todos estes medios permiten a busca individualizada de lugares de enterramento e os nomes das persoas das que temos constancia que foron depositadas en cada fosa, de modo que se pode pasar de datos nominais a mais xerais, tanto no estudo específico de nomes como xeográfico.

Modelo de fichas empregadas 1
Modelo de fichas empregadas 2

Breve informe sobre a xeografía da violencia golpista: os enterramentos das vítimas (1936-1939)

A violencia executada polos golpistas no verán de 1936 e na Guerra foi un fito sen precedentes na nosa Historia onde moitos cidadáns atopan a morte. Os mortos exhibíronse nas cunetas, nos cemiterios, nos descampados ou nos propios recintos militares. Moitos foron tirados aos ríos e fondeados no mar dende as embarcacións, o que converteu ao Atlántico nunha inmensa fosa común.

Nos meses posteriores ao Golpe, os cemiterios enchéronse de cadáveres e, incluso houbo que procurar distintas alternativas en zonas onde existiu unha gran concentración de penados, como foi a Colonial Penal da Illa de San Simón. Comeza dende o verán de 1936 a sospeita da existencia de fosas nas que docenas de vítimas eran inhumadas tras pasar por calquera centro de detención, oficial ou oficioso.

Lonxe da fronte de guerra, en Galicia non existen esas grandes fosas comúns que si aparecen noutros lugares de España. Houbo unha preferencia a asasinar a un número reducido de vítimas, abandonar os seus cadáveres e deixar que outros, posteriormente, se encargaran do seu traslado ao cemiterio da parroquia para ser inhumados. A dispersión e a densidade das entidades de poboación, características propias da xeografía galega, propiciaban, ademais, este tipo de enterramentos.

As cifras foron reveladoras: coñeciamos un total de 26 fosas en campo aberto, nas que foron inhumadas unhas 84 persoas e das que foron recuperadas 32. A maiores, 11 desas fosas están situadas ao redor dos cemiterios parroquiais. En xeral, a media de inhumacións achégase ás 4 persoas por fosa. Houbo, non obstate, unha excepción relevante, representada na fosa de Mós (Pontevedra), onde os asasinatos e os correspondentes enterramentos das 22 persoas producíronse en distintas datas entre 1936 e 1939. No resto de fosas situadas fóra do recinto dos cemiterios, os enterramentos responderon a unha única acción violenta.

Como consecuencia, o máis habitual en Galicia foron os enterramentos en cemiterios, temos máis de 3.200 vítimas con lugar de enterramento coñecido: 447 cemiterios dos que só 35 teñen máis de 10 persoas enterradas, vítimas da violencia do Golpe e da guerra. Intervíronse 18 fosas e recuperáronse 32 corpos.

Con toda esta información, elaborouse un catálogo na web con datos e lugares de enterramentos onde se recolle información relativa a localización, denominación, descrición, estado e imaxe de ditos lugares (hoxe recollidos na base de datos do proxecto e no apartado de cartografía).

Conclusión

Para o periodo 1936-1939 as persoas asasinadas con lugar de enterramento en recinto funerario coñecido, ao redor dun 85,55% do total de mortos pola violencia golpista e franquista en territorio galego, están enterrados nun mínimo de 447 cemiterios ao largo da xeografía, cunha media inferior a 8 mortos por cemiterio. Neste caso, o enterramento poder ser nunha fosa común, nun nicho familiar ou nunha sepultura de caracter individual ou familiar sinalizada. O 2,2% restante está inhumado en 26 fosas en campo aberto.

Respecto ás fosas en campo aberto, a media de persoas enterradas por fosa supera as 3 persoas. Tal e como amosaban as escavacións, nestas fosas comúns situadas nos cemiterios os restos ou ben son de moi difícil identificación, xa que están mezclados cos de outras persoas que non foron vítimas, ou ben foron trasladados aos osarios, ou ben as fosas están modificadas de maneira sustancial debido a obras posteriores que procuraban dispoñer de mais espazos (novos nichos) para os enterramentos da parroquia.

En definitiva, en Galicia hai poucas fosas fóra dos cemiterios, con pouca xente inhumada e utilizadas na súa práctica totalidade unha sola vez: unha comparación coa comarca de Arlanza (Lerma, Burgos), onde foron escavadas e exhumadas pola ARMH no ano 2010 tres fosas nas que apareceron 87 persoas (máis que en toda Galicia) é elocuente