Ir ao contido principal

Fosa do cemiterio de Rubiáns Fosa en cemiterio

Escavación da fosa común no cemiterio de Rubiáns (Vilagarcía de Arousa) e exhumación de restos para identificar a vítimas da violencia desencadeada tras o golpe de Estado de xullo de 1936.

Ver no mapa
Localidade
Vilagarcía de Arousa
Concello
Vilagarcía de Arousa
Provincia
Pontevedra
Data da intervención
2021
Entidade promotora
Secretaría de Estado de Memoria Democrática; Xunta de Galicia; Universidade de Santiago de Compostela.
Memorialización
Si. A asociación O Faiado da Memoria promoveu a colocación dun panel na entrada do cemiterio cos nomes dos asasinados, así como un monólito homenaxe do lugar onde a memoria da vila sinalaba que foran enterrados.
Ver máis

Investigación histórica

A memoria dos asasinados que foron deitados na fosa común está aínda viva en Vilagarcía de Arousa. Grazas á información oral recollida pola asociación O Faiado da Memoria fíxose unha primeira identificación das vítimas.

A fosa común obxecto de intervención está no cemiterio de Vilagarcía de Arousa, no número 54 da Avenida de Pontevedra. Os traballos de investigación e documentación levados a cabo polo grupo de investigación Histagra da USC determinaron que o cemiterio, proxectado a finais do século XIX, ocupaba un espazo moito menor que o actual, que foi ampliado en 1914. Neste ano aparece por vez primeira vez nos planos do cemiterio o espazo que ocuparía a fosa común. A fosa común sitúase no seu extremo sur, unha área que, a diferenza do resto da metade occidental do camposanto, non foi afectada posteriormente pola construción de bloques de nichos en datas.

As vitimas da violencia

Rodrigo Berruete Alejandre. Xornaleiro. 34 anos. Natural de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra). Morto o 16 de febreiro de 1937. Xulgado por rebelión militar suspendéndose as actuacións ao saberse que estando fuxido rexístrase a súa morte en Vilagarcía de Arousa a causa de acción de guerra coa forza pública.

Manuel Limeres Ordóñez. Xornaleiro. 29 anos. Natural de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra). Morto o 16 de febreiro de 1937. Xulgado por rebelión militar. Suspéndense as actuacións ao informarse da súa morte en acción de guerra coa forza pública.

Manuel Díaz Hermo. Xornaleiro. 27 anos. Natural de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra). Morto o 13 de febreiro de 1937. Xulgado en varias causas por rebelión, suspéndense as actuación ao coñecerse a súa morte en enfrontamento coa Garda Civil en Vilagarcía. 

Urbano Tarrío Montero. Xornaleiro. Natural de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra). Morto o 16 de marzo de 1937. Xulgado por rebelión pero suspéndense as actuación por morte en acción de guerra.

Pilar Fernández Seijo. Obreira. 41 anos. Natural de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra). Morta o 16 de febreiro de 1937. Xulgada por rebelión pero suspéndense as actuación. Morte nun monte de Vilagarcía ao incendiar a Garda Civil a casa na que se agochaba en compañía doutras persoas fuxidas. Rexistrado o suceso como “acción de guerra”.

Josefa Barreiro González. Labrega. 26 anos. Natural de Vilagarcía de Arousa. Morta o 19 de marzo de 1937. Detida o 17 de marzo. Torturada e fusilada por agochar na súa casa a Urbano Tarrío Montero.

Eduardo Ferreirós Boullosa. Estibador. 32 anos. Natural de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra). Morto o 22 de agosto de 1936. Morte rexistrada na Capela de Santo Antoniño a causa de disparo de arma de fogo.

Amador Gómez Agustiño. Chofer. 32 anos. Natural de Portugal. Morto o 27 de outubro de 1936. Rexistrado en Vilagarcía de Arousa, morto a causa de feridas por arma de fogo. Lugar de aparición do cadáver: Capela de San Antoniño.

Luís Iglesias Galáns. Carreteiro. 32 anos. Natural de Vilagarcía de Arousa. Morte por orde da autoridade militar o 19 de marzo de 1937.

Inocencio Lamas Bugallo. Labrego. 43 anos. Natural de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra) Morto o 23 de agosto de 1936. Rexistrado morto en Vilagarcía de Arousa a causa de disparo de arma de fogo. Lugar de aparición do cadáver: Monte Soloveira.

José Ramón Roo Pérez. Canteiro. Natural de Noia. Fusilado o 19 de marzo de 1937.

Luís Aragunde Alfonsín. Natural de Vilagarcía de Arousa. Morto o 19 de marzo de 1937. Detido e asasinado xunto a outros dous homes agochados no faiado da súa casa (José Ramón Roo Pérez e Luis Iglesias Galáns).

Investigación arqueolóxica

O traballos desenvoltos por "Tempos Arqueólogos" para precisar a zona de intervención, nutríronse do informe histórico. Tras unhas primeiras catas sen resultados na esquina sur do cemiterio, ampliouse o espazo de escavación. Executouse a intervención arqueolóxica en 6 sectores diferentes o que permitiu comprobar a existencia de enterramentos coincidentes coa cronoloxía obxectivo.

O resultado negativo na primeira área, sector 100, fixo necesaria a apertura de novos espazos. No sector 200 onde se recuperan dúas placas de sinalización de enterramento (480 e 483). Procedeuse a seguir coa escavación dos sectores 300, 400, 500 e 600 o que permitiu dunha banda, exhumar tres individuos en posición primaria, e doutra banda observar como o amplo espazo destinado para fosa común se utilizou despois dos enterramentos de 1936 e dos traslados de 1942, como evidencia a superposición de madeiras procedentes de diferentes ataúdes e a mestura de restos óseos en posición secundaria que serán obxecto de análise osteolóxica para a súa identificación.

Nos sectores 200, 300, 400, 500 e 600 foron identificados restos óseos de interese, por un lado os situados en posición primaria, aínda que con cronoloxías dubidosas como é o caso do individuo ou cronoloxías recentes como os restos da muller. No traballo de campo, e pendente do estudo antropolóxico, contamos con 4 individuos en posición primaria, un deles con clara cronoloxía recente e 4 restos óseos moi mal conservados que poderían ser da cronoloxía obxectivo dos traballos. En conxunto, 7 posibles individuos, 3 deles en posición primaria.

De xeito preliminar, a nivel arqueolóxico non é posible establecer a pertenza dos restos humanos (tanto en posición primaria como secundaria) ás vítimas da represión e a Guerra Civil quedando á espera dos resultados da análise osteolóxica.

No que aos materiais se refire, recuperouse unha cantidade significativa de material nos niveis de uso actual do cemiterio, salientando a cerámica e o metal como soporte máis empregado. En niveis de recheo dos enterramentos documéntanse elementos asociados aos cadaleitos coma apliques de plástico, o que nos indica unha cronoloxía contemporánea, e elementos asociados ao individuo que alberga o ataúde coma un crucifixo de metal ou a sola de zapato.

Sectores de intervención

Sector 100 situado na zona norte do espazo delimitado como fosa común ata os panteóns (ao W).

Sector 200 definido polos panteóns ao W e o límite do camiño ao S.

Sector 300 situado no límite entre dúas tumbas ao E da área definida como fosa común.

Sector 400 espazo definido, como sucede co sector 300, polo límite entre dúas tumbas actuais e o espazo de fosa común.

Sector 500 área de escavación situada, coma as anteriores, entre dúas tumbas actuais e ao E do espazo definido como fosa común.

Sector 600 situado ao norte, fora da área identificada como fosa común, no camiño que discorre entre os bloques de nichos e as tumbas recentes.

Análise forense

A Unidade de Antropoloxía Forense do Instituto de Medicina Legal de Galicia realizou estudos preliminares in situ dos restos óseos recuperados na escavación arqueolóxica. Atópanse restos humanos en posición primaria nun nivel de enterramento que podería corresponder a 1936-1939, baixo sepulturas de persoas identificadas nos anos 80 e 90. Un deles, un cranio, presenta na occipito-parietal un orificio redondeado irregular duns 10- 11 mm de  diámetro, sen radios de fractura que non é posible excluír como orificio de arma de fogo. Para máis información sobre os resultados e a interpretación, prégase a consulta do informe

Análise xenética

Tras as respectivas análises levadas a cabo polo laboratorio de xenética forense da USC, puidéronse chegar a algunhas exclusións, a resultados negativos e, incluso non concluíntes, en función das diferentes mostras e dos diferentes perfís xenéticos. No resumo do informe de xenética pódense consultar con maior detalle ditas conclusións, advertindo que os datos persoais e os perfís xenéticos foron omitidos co obxectivo de protexer a información de carácter persoal.

Acción de memorialización das vítimas e do espazo

A continuación amosamos as accións levadas a cabo para a memorialización e significación da fosa e das vítimas na procura de difundir e transferir públicamente o coñecemento do noso pasado.

Ficha técnica

Localización

Localidade
Vilagarcía de Arousa
Concello
Vilagarcía de Arousa
Provincia
Pontevedra
Coordenadas
42.576425579625614, -8.739307555188418
Propiedade do terreo
Pública.

Características

Tipo de fosa
Fosa en cemiterio
Número de persoas enterradas
12
Josefa Barreiro González
Juan Aragunde Alfonsín
Rodrigo Berruete Alejandre
Manuel Díaz Hermo
Pilar Fernándes Seijo
Eduardo Ferreirós Boullosa
Amador Gómez Agustiño
Luís Iglesias Galáns
Inocencio Lamas Bugallo
Urbano Tarrío Montero
Manuel Limeres Ordóñez
José Ramón Roo Pérez.

A memoria oral sinalaba que o total de vítimas enterradas na fosa era de 17. Documentalmente constátase o enterramento de 12
Memorialización
Si. A asociación O Faiado da Memoria promoveu a colocación dun panel na entrada do cemiterio cos nomes dos asasinados, así como un monólito homenaxe do lugar onde a memoria da vila sinalaba que foran enterrados.
Tipoloxía do asasinato
Paseo
Cronoloxía
1936, 1937
Outras referencias
Os corpos foron enterrados seguindo a orde de enterramentos que se empregaba para a fosa común do cemiterio, non nunha fosa propia nin todos xuntos. Estaban distribuídos por toda a zona de fosa segundo correspondía á citada ordenación.

Estado

Intervención
Si. Recupéranse tres corpos de forma parcial. Os estudos forense e xenético atópanse en proceso.
Data da intervención
2021
Entidade promotora
Secretaría de Estado de Memoria Democrática; Xunta de Galicia; Universidade de Santiago de Compostela.

Fontes

Arquivo

Bibliografía

  • Abuín Duro, Marcelino, La conquista de la República. Vilagarcía de Arousa, 1930-1935, Crendes, Sociedad Bibliográfica de Galicia, 2017
  • Abuín Duro, Marcelino, La primavera rota. Vilagarcía de Arousa, 1936-1941, Crendes, Sociedad Bibliográfica de Galicia, 2018
  • Amoedo López, Gonzalo e Gil Moure, Roberto, Episodios de terror durante a guerra civil na provincia de Pontevedra. A illa de San Simón, Vigo, Xerais, 2006
  • Pereira, Dionísio e Fernández, Eliseo, «A represión contra o Movemento Libertario na Galiza durante a Guerra Civil e a posguerra», en V.V.A.A., A represión franquista en Galicia. Actas do Congreso da Memoria, Narón, Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática, pp. 399-425, 2005
  • Pereira, Dionísio e Fernández, Eliseo (2006), «Unha achega á represión franquista contra as mulleres libertarias na Galiza», en Unión Libre, nº 11 (2006), pp. 75-87
  • Porto Ucha, Anxo Serafín, Historias de vida. O maxisterio pontevedrés na Segunda República, Guerra Civil e comezos do Franquismo, Ponteareas, Alén Miño, 2003
  • Rodríguez Gallardo, Ángel, O ruído da morte. A represión franquista en Ponteareas (1936-1939), Sada, Edicións do Castro, 2006