A Fiscal Delegada en Materia de Dereitos Humanos abre dilixencias na fosa de Vilacova (Lousame), grazas ás actuacións do Plan de Memoria Democrática
Nun traballo coordinado coa Unidade de DDHH. e Memoria Democrática da Fiscalía Xeral do Estado, instrúense por primeira vez este tipo de dilixencias, de investigación e procesais.

Segundo indican os arts. 21.1, 22.1 e 24 da «Ley 20/2022, de 19 de octubre, de Memoria Democrática» (LMD), o grupo HISTAGRA puxo en coñecemento do Ministerio Fiscal a aparición de restos humanos como consecuencia das intervencións de busca, localización e exhumación de persoas desaparecidas, levadas a cabo no cemiterio de Sta. Eulalia de Vilacova, no termo municipal de Lousame. En consecuencia, por Decreto da Fiscal Xefe da Fiscalía Provincial de A Coruña, de 1 de decembro, de 2024, encomendoulle á Fiscal con competencias para que tramitara os expedientes gobernativos e as dilixencias que estime pertinentes.
Deste xeito, actúase co indicado no Capítulo II, do Título II, da LMD, que, de xeito novidoso, establece a creación de «un Fiscal de Sala para la investigación de los hechos que constituyan violaciones del Derecho Internacional de los Derechos Humanos y del Derecho Internacional Humanitario, incluyendo los que tuvieron lugar con ocasión del golpe de Estado, la Guerra y la Dictadura».