Ir ao contido principal

Comeza a intervención en Beira (Carral) para localizar un dos espazos de enterramento de vítimas da violencia franquista

A de Beira é unha das tres fosas que están a estudar no marco do convenio entre a Deputación da Coruña e a USC baixo a coordinación do grupo de investigación Histagra

Espazo memorializado no cemiterio de Beira (Carral)

O próximo luns día 6 de xullo comezan os traballos de intervención arqueolóxica no cemiterio de Beira (Carral), baixo coordinación do grupo de investigación Histagra (USC-CISPAC), co obxectivo de determinar a localización dunha das fosas da violencia franquista existentes no lugar. 

Esta primeira cata, que se estenderá durante dúas semanas, iníciase tras unha investigación histórica que permitiu ampliar o coñecemento acerca do modus operandi da represión e tamén da transformación do espazo do cemiterio desde 1936. Sábese que como mínimo 18 persoas foron asasinadas e enterradas en varias fosas localizadas en Beira, aínda que hai indicios de que poderían ser máis. O estudo contou coa colaboración da asociación Cultura Aberta de Carral, que en 2023 inaugurou neste cemiterio de Beira un monumento de homenaxe ás vítimas. 

Estes traballos enmárcanse no convenio asinado pola Deputación da Coruña e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) para a investigación histórica, arqueolóxica e forense das fosas da violencia franquista de Beira (Carral), Serantes (Ferrol) e Boisaca (Santiago de Compostela). Un equipo multidisciplinar da USC encárgase de desenvolver a investigación baixo a coordinación científica de Lourenzo Fernández Prieto e Antonio Míguez Macho, historiadores expertos na cuestión que integran o grupo de investigación Histagra (USC-CISPAC). Histagra tamén se ocupa de desenvolver a análise histórica a través do traballo dos investigadores Xurxo Antelo e Lucía Santiago. O estudo arqueolóxico é coordinado por José Carlos Sánchez Pardo (USC-CISPAC), arqueólogo e membro do grupo de investigación AEVUM, e conta coa empresa Tempos Arquéologos para o desenvolvemento dos traballos en campo. A análise de antropoloxía forense é coordinada polo investigador Edgard Camarós (USC-CISPAC), membro do grupo GEPN-AAT.