Ir ao contido principal

Histagra coordinará a investigación de tres fosas do franquismo na provincia da Coruña grazas ao convenio Deputación - USC

Histagra coordina a investigación histórica, arqueolóxica e forense nas fosas da violencia franquista de Serantes (Ferrol), Beira (Carral) e Boisaca (Santiago de Compostela)

Espazo memorializado no cemiterio de Serantes (Ferrol)

O martes 16 de marzo a USC e a deputación da Coruña asinaron un convenio de investigación polo cal o Grupo de Investigación HISTAGRA coordinará os traballos de investigación histórica, arqueolóxica e forense das fosas da violencia franquista de Serantes (Ferrol), Beira (Carral) e Boisaca (Santiago de Compostela).

A iniciativa, dotada cunha partida de 150.000 euros permitirá investigar, realizar as catas para establecer a situación real das fosas, a súa conservación e estado xeral e recuperar parte dos posibles restos de vítimas nestes tres enclaves estratéxicos. 

Para garantir o rigor científico, os traballos contarán con persoal especializado en historia, arqueoloxía, e antropoloxía forense, dirixidos e coordinados polos investigadores de HISTAGRA-CISPAC, Lourenzo Fernández Prieto e Antonio Miguez Macho. Ademais, no equipo atópanse os profesores da USC, Daniel Lanero Táboas, Jose Carlos Sánchez Pardo e Edgard Camarós, todos membros vinculados do CISPAC.

O proxecto incorpora unha dimensión social e pedagóxica que inclúe a produción dunha peza audiovisual para documentar o proceso e o seu impacto emocional, así como a elaboración de publicacións académicas e a catalogación de bibliografía especializada que será custodiada na biblioteca da Facultade de Xeografía e Historia da USC.